30 colectivos guardeses participan este sábado na III Mostra Asociativa
Este sábado día 11 de maio de 2019 a Alameda da Guarda será o escenario, unha vez máis, para a celebración da terceira edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila son as protagonistas dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes.
Un total de 30 colectivos e asociacións da vila participarán ao longo dunha gran xornada cargada de actividades e unha intensa programación para todas as idades, que este ano arrancará ás 16:00h da tarde.
Ademais dos stands individuais de cada colectivo, nos que tamén se realizarán actividades paralelas e se informará máis pormenorizadamente sobre os servizos e obxectivos de cada Asociación/colectivo, a III Mostra asociativa conta coa seguinte programación de actividades:
Programa:
16:00h – Actuación conxunta entre A Boalleira e Na Revolta
16:30h – Exhibición de Danza Centro Do-Majó
18:00h – 18:45h – Bloque de actuacións conxuntas entre a Asociación Vento Mareiro, Rock´n´Rolla, Xamaraina e o Coro Arpegios-Cantábile.
18:45h – Actuación da Agrupación Musical da Guarda
19:15h – Serán coas actuacións dos grupos Do Lusco ó Fusco e Vento Mareiro
20:00h Actuación das Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa
20:30h Actuación de Xerock
A maiores ao longo da tarde haberá actividades paralelas nas que se inclúen a realización dunha alfombra floral, práctica deportiva de remo ergómetro, un obradoiro de hockey e patinaxe, un obradoiro de decoración de palma, un obradoiro de henna, un obradoiro de chapas, unha exhibición de skate, xogos, circuito e actividades de airsoft, obradoiro de nós mariñeiros, sopas de letras, aparellos mariñeiros, photocall e moito máis.
Dende o Concello da Guarda faise un chamamento á participación da cidadanía este sábado, para por manifesto unha vez máis a importancia do asociacionismo, a colaboración e a implicación da sociedade en diferentes colectivos, para levar a cabo accións asociativas de interese xeral con diferentes temáticas e fins.