Bases de selección de persoal para unha lista de reserva de auxiliar administrativo
Artigo 1.- Obxecto da convocatoria.
É obxecto da presente convocatoria a selección de persoal para a formación dunha lista de reserva que permita a provisión interina das prazas de auxiliar administrativo de administración xeral, integradas no grupo C, subgrupo C-2, nos supostos previstos no artigo 10.1 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.
Dito persoal cesará cando a praza sexa cuberta en propiedade, cando desaparezan as circunstancias que motivaron o seu nomeamento ou á finalización do proceso selectivo que se convoque para prover prazas de forma definitiva correspondentes á categoría das prazas obxecto destas listas.
A lista que se confeccione estará en vigor ata que se realice un novo proceso selectivo, coa finalidade de prover en propiedade os postos correspondentes ás categorías das que se trate e, en todo caso, por un prazo máximo de tres anos.
Artigo 2.- Retribucións.
As retribucións básicas serán as correspondentes aos funcionarios do grupo C, subgrupo C-2, e as complementarias as que teña asignadas o posto de traballo para o que se lle adscriba na Relación de Postos de Traballo (RPT) ou o documento organizativo similar do que se dispoña (Cadro de Persoal ou equivalente).
Artigo 3.- Requisitos xerais que deben acreditar os aspirantes a ser incluídos na lista de reserva.
Os aspirantes a ser incluídos na respectiva lista de reserva, deberán reunir, na data do remate do prazo para a presentación de solicitudes e manter ata o momento do correspondente nomeamento, os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou atoparse comprendido no eido de aplicación do artigo 57 do Real decreto lexislativo 5/2015, polo que se aproba o texto refundido da lei do estatuto básico do empregado público.
b) Ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder da idade máxima de xubilación.
c) Estar en posesión do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalentes ou estar en condicións de obtelo na data de terminación do prazo de presentación de instancias. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá acreditarse fidedignamente a súa homologación.
d) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas asinadas ao posto.
e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares as que desempeñaban no caso do persoal laboral, no que se houbese separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin haberse sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.
f) Non estar incurso en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade sinaladas na lexislación vixente.
Todos estes requisitos deberán cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes. Será nulo o nomeamento como funcionario interino dos que estean incursos en causas de incapacidade específica conforme a normativa vixente.
Artigo 4.- Proceso de selección.
O sistema de selección é o de oposición libre, que consistirá na realización dos seguintes exercicios:
A) Primeiro exercicio, obrigatorio e eliminatorio, consistirá en contestar por escrito, no tempo que estableza o órgano de selección, a un cuestionario tipo test de 40 preguntas como mínimo, con catro respostas alternativas por pregunta, relacionadas coas materias que integran o temario que figura anexo a estas bases, que será determinado polo dito órgano inmediatamente antes do inicio do exercicio. O Tribunal poderá establecer preguntas en reserva para o caso de que se anule algunha pregunta.
Neste exercicio penalizaranse as preguntas mal contestadas, de forma que por cada 3 preguntas incorrectas se descontará unha correcta ou a súa parte proporcional; non se puntuarán as non contestadas. Cualificarase cunha puntuación de cero (0) a dez (10) puntos; é necesario para superalo obter un mínimo de cinco (5) puntos.
Corresponderalle ao tribunal determinar unha puntuación mínima ou nota de corte para superar este exercicio, puntuación que en ningún caso poderá ser inferior a cinco puntos. O acordo que se adopte ao respecto deberá ser publicado e constará na correspondente acta, debendo ser igualmente os aspirantes informados de tal extremo.
B) Segundo exercicio, obrigatorio e eliminatorio, que consistirá na resolución escrita dun suposto práctico, elixido polo tribunal, relacionado co temario, que poderá conter un ou varios exercicios, no tempo de realización que acorde o Tribunal, tendente a acreditar os coñecementos do aspirante en relación coas funcións e habilidades propias do posto obxecto da convocatoria.
Este exercicio puntuarase de cero (0) a dez (10) puntos, sendo necesario para aprobar obter unha puntuación mínima de cinco (5) puntos.
C) Terceiro exercicio práctico, obrigatorio e eliminatorio sobre coñecemento do idioma galego, consistente na realización dunha proba escrita de coñecemento da lingua galega, que determinará o órgano de selección. Neste exercicio valorarase a corrección gramatical e estilística, así como o emprego dun léxico adecuado. Este exercicio será cualificado de APTO OU NON APTO.
Estarán exentos da realización deste exercicio os aspirantes que acrediten o nivel de coñecemento do idioma galego CELGA 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.
Artigo 5.- Solicitudes.
As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas convocadas deberán facelo mediante instancia dirixida ao Sr. Alcalde do Concello da Guarda. A instancia deberá de conter, polo menos, os datos persoais do solicitante co seu enderezo, a denominación da praza, achegando:
– Copia do DNI
– Copia acreditativa da titulación requirida
– No seu caso, copia do documento acreditativo da exención de realización da proba do idioma Galego.
Aqueles aspirantes que estean aqueixados por unha minusvalía poderán incluír solicitude de adaptación dos lugares de celebración dos exames. Para este caso deberán de aportar certificación oficial da minusvalía que lles afecta, expedida polo órgano competente da Administración Estatal ou Autonómica.
O prazo para a presentación de solicitudes será de 8 días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Os sucesivos anuncios en relación a este proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda e na súa sede electrónica http://aguarda.sedelectronica.gal/
A presentación das solicitudes poderá facerse no rexistro xeral de documentos do Concello, (sede electrónica ou presencial) ou en calquera das formas establecidas no art. 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os aspirantes que non presenten as solicitudes directamente no rexistro xeral do Concello deberán comunicalo por email (aguarda@aguarda.es), fax (986 610 283) ou outro medio no mesmo día da súa presentación.
Artigo 6.- Admisión de participantes.
Rematado o prazo de presentación de instancias, o órgano competente na materia ditará resolución aprobando a lista provisional de admitidos e excluídos, expresando as causas de exclusións. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios da Casa do Concello da Guarda e na súa sede electrónica.
A resolución establecerá, a efectos de emenda de defectos ou omisións, e mesmo de reclamacións, un prazo de tres días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación sinalada. Os erros de feito poderán emendarse en calquera momento de oficio ou a pedimento do interesado.
Posteriormente, mediante Resolución do órgano competente na materia aprobarase a lista definitiva de admitidos e excluídos, procederase á designación dos membros do tribunal cualificador e convocarase aos aspirantes admitidos mediante a publicación do devandito decreto no taboleiro de anuncios da Casa do Concello e de forma complementaria na súa sede electrónica.
Artigo 7.- Composición do tribunal.
O Tribunal Cualificador estará formado por un presidente, un secretario e tres vogais. En ningún caso os membros do tribunal cualificador poderán ser funcionarios interinos, persoal eventual ou persoal de elección ou designación política. Cada membro do tribunal terá o seu suplente. Os titulares e suplentes serán nomeados polo Alcalde-Presidente cando se dite a resolución pola que se aproba a lista provisional de admitidos ao proceso selectivo. A súa composición axustarase aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros e tenderase á paridade entre muller e home.
O Tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesoresespecialistas para as probas correspondentes dos exercicios que estimen pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas.
A actuación do Tribunal rexerase polo disposto nas presentes bases e na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das Administracións Públicas.
Os membros do tribunal que actúen nestas probas selectivas terán dereito a percibir as indemnizacións correspondentes, conforme ó establecido no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, e lexislación complementaria.
Así mesmo, os interesados poderán recusar aos membros do Tribunal cualificador no prazo de 3 días hábiles dende a publicación da súa composición, cando, ao seu xuízo, concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 8.- Calendario das probas e desenvolvemento dos exercicios de oposición.
A data , lugar e hora de celebración da primeira proba que conforma a fase de oposición serán publicadas, na resolución pola que se aprobe a lista definitiva de admitidos no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda e na súa sede electrónica .
Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos das probas os que non comparezan. Deberán acreditar suficientemente a súa identidade mediante a exhibición do DNI, permiso de conducir, pasaporte o documento equivalente en caso de estranxeiros; exhibición que poderá serlle requirida por calquera membro do tribunal no curso do desenvolvemento dos exercicios.
Concluído cada un dos exercicios da oposición correspondente, o tribunal fará pública, no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda e na súa sede electrónica, a relación de aspirantes que o superaron con indicación da puntuación obtida. Os aspirantes non incluídos na lista terán a consideración de non aptos.
Os aspirantes disporán dun prazo de TRES (3) días hábiles, a contar dende o seguinte ao da publicación do anuncio para formular alegacións ou reclamacións ás mesmas.
Artigo 9.- Cualificación definitiva e relación de aprobados.
A puntuación final será o resultado da suma das cualificacións obtidas nos exercicios. Unha vez rematadas as probas, o tribunal publicará anuncio co resultado definitivo das puntuacións dos aspirantes que superaron o proceso selectivo, ordenados de maior a menor puntuación, e formulará proposta de nomeamento a favor daquel aspirante que teña a puntuación máis alta.
En caso de empate na cualificación final entre dous ou máis aspirantes, resolverase acudindo a puntuación obtida no primeiro exercicio da fase de oposición; de persistir o empate terase en conta a nota do segundo exercicio. En caso de persistir o empate, celebrarase un sorteo público.
Os aspirantes disporán dun prazo de TRES (3) DÍAS HÁBILES, a contar dende o día seguinte á súa publicación na sede electrónica municipal, para presentar reclamacións á proposta de formación de bolsa que formule o Tribunal.
Artigo 10.- Publicación dos listados e vixencia.
A lista de reserva, confeccionada por orde de maior a menor puntuación, será sometida á aprobación da Alcaldía-Presidencia ou Concellería delegada na materia. A resolución e as listas de reserva serán expostas no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda e na súa sede electrónica para coñecemento dos interesados e demais efectos legais.
Esta lista terá unha duración de tres anos ou de menos no caso de que houbese un novo proceso selectivo para a cobertura destas prazas, momento a partir do que esta lista deixaría de ter vixencia.
Artigo 11.- Funcionamento da lista de reserva.
Cando sexa necesario proceder aos correspondentes chamamentos ofertarase ao primeiro da lista que estea pendente de chamar, polos medios de contacto que a persoa candidata consigne na súa instancia, teléfono móbil, fixo ou correo electrónico, do que se deixará constancia mediante unha dilixencia, dándolle un prazo de 48 horas para que acepte ou renuncie ao ofertado. Se non se recibe contestación no prazo indicado ou se rexeita a notificación equivalerá á renuncia ao ofertado e procederase a chamar ao seguinte da lista.
Cando se produza o cesamento dun integrante da lista, este reincorporarase ao posto da lista que lle corresponda por puntuación.
Artigo 12.- Renuncias.
Con carácter xeral, a non aceptación ou renuncia a unha cobertura dará lugar as seguintes medidas:
– Primeira renuncia: Seis meses de exclusión.
– Segunda renuncia: Exclusión definitiva da lista.
Non afectarán as renuncias ós supostos seguintes:
– Supostos de permisos de paternidade e/ou maternidade;
– Supostos de incapacidade temporal (IT);
– Supostos nos cales o/a aspirante se atope prestando servizos, como persoal funcionario ou laboral, en outra Administración Pública;
– Supostos nos cales o/a aspirante se atope prestando servizos, como persoal laboral temporal por conta allea e en situación de alta no réxime xeral da Seguridade Social, no sector privado.
A tales efectos, no prazo de 5 días naturais a contar desde o chamamento, deberáaportarse xustificación documental das situacións indicadas, mediante acreditación da maternidade/paternidade na forma legalmente prevista; mediante parte de declaración da situación de IT, ou certificación acreditativa da condición de persoal funcionario ou laboral expedida pola Administración Pública de destino; mediante certificación expedida por persoa capacitada legalmente para representar á empresa, na cal se acredite a existencia de contrato laboral temporal como traballador por conta allea do/da aspirante, debendo xuntar xustificación de alta no réxime xeral da Seguridade Social, respectivamente.
Por razóns de axilidade de funcionamento da bolsa, tras unha renuncia por causa xustificada, o aspirante deberá comunicar ó Concello a finalización da causa concorrente, non reiterándose entre tanto os chamamentos, por entender que a causa subsiste.
Debido a diversidade de tipoloxía das coberturas que prevé o artigo 10.1 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, e para garantir que os aspirantes con maior puntuación poidan ter preferencia para elixir as respectivas coberturas, se establece a regra de que cando se proceda a un chamamento para unha cobertura interina de duración estimada superior a un mes, se chamará tamén as persoas integrantes da lista que xa se atopen prestando servizos no Concello, para que poidan escoller entre o posto desempeñado ou o ofrecido.
Artigo 13.- Presentación da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos para acceder a praza.
Cando se tramite o expediente de nomeamento do aspirante, antes do seu nomeamento e toma de posesión e no prazo dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se lle requira, presentará no Rexistro Xeral do Concello da Guarda os documentos que se especifican seguidamente:
– Copia autenticada ou fotocopia do título esixido na artigo 3º, ou do xustificante de ter aboados os dereitos para a súa expedición.
– Declaración xurada de non estar separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das Administracións Públicas, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas por sentencia firme.
– Fotocopia da cartilla da S.S.
– Número de conta bancaria cos 20 díxitos.
– Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico que imposibilite o normal exercicio da función.
A omisión ou defecto emendable nalgún dos documentos anteriores dará lugar á concesión dun prazo de 3 días hábiles para a súa achega ou subsanación. En ningún caso este prazo suporá ampliación do procedente para a concorrencia dos requisitos esixidos á data da convocatoria.
Salvo casos de imposibilidade suficientemente acreditada, o candidato que non cumpra co establecido no parágrafo anterior non poderá ser nomeado, quedando anuladas todas as actuacións e sen prexuízo da responsabilidade na que, no seu caso, puidera ter incorrido por falsidade nos datos declarados na instancia.
Quen tivera a condición de funcionario público de carreira ou persoal laboral fixo quedará exento de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa demostrados para obter o seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación da Administración ou Ente Público do que dependan, acreditando a súa condición e cantas circunstancias consten na súa folla de servizo.
O Alcalde-Presidente ou, no seu caso, o/a concelleiro/a delegado/a procederá ao nomeamento do candidato que corresponda.
A resolución de nomeamento como funcionario interino publicarase no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda nos 10 días seguintes, co seu réxime de recursos.
Unha vez nomeado, o aspirante deberá tomar posesión do seu posto no prazo de 3 días a partir da data da notificación do nomeamento, quedando dende dito momento sometido o réxime de incompatibilidades vixente. Por este motivo, na dilixencia de toma de posesión será necesario facer constar a manifestación do interesado de non vir desempeñando ningún posto ou actividade no sector público delimitado polo artigo 1º da Lei 53/1984, de 26 de decembro, indicando así mesmo que non realiza actividade privada incompatible ou suxeita a recoñecemento de compatibilidade.
A citada manifestación fará referencia tamén á circunstancia de se os interesados se encontran ou non percibindo pensión de xubilación, retiro ou orfandade, por dereitos pasivos ou por calquera réxime da Seguridade Social, pública e obrigatorio, aos efectos previstos no artigo 3.2 e disposición transitoria 9ª de dita Lei.
O que sen causa suficientemente xustificada non tomase oportunamente posesión da súa praza, será notificado de novo, e transcorrido o novo prazo de 3 días sen comparecer, será declarado cesante, con perda de tódolos dereitos derivados do procedemento selectivo e do nomeamento conferido.
Os restantes candidatos aprobados, pola orde da puntuación obtida, poderán ser chamados no caso de que o primeiro non achegue a documentación prevista nas presentes bases, non tome posesión do seu posto no tempo concedido ó efecto, renuncie á praza ou, cando por calquera outra causa, se resolva a relación funcionarial antes da súa extinción conforme á Lei.
Artigo 14.- Publicacións no taboleiro.
Aos efectos de notificacións e publicacións relacionados co procedemento de selección regulado nas presentes bases reguladoras, se procederá mediante a publicación no Taboleiro de Anuncios da Casa do Concello da Guarda e na Sede Electrónica, sen prexuízo da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Artigo 15.- Norma final.
As bases da convocatoria e cantos actos administrativos deriven das mesmas e das actuacións do Tribunal poderán ser impugnadas nos casos e forma establecidos pola Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas, así como segundo a lexislación reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa.
O Tribunal Cualificador queda facultado para a resolución de cantas incidencias e cuestións se susciten no desenvolvemento do proceso selectivo, podendo as súas resolucións ser recorridas en alzada ante o alcalde-presidente, de acordo co precisado no art. 121.1 da Lei 39/2015.
En todo o non previsto nestas bases estarase o disposto na Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das Bases de réxime local; no Real decreto lexislativo 5/2015 polo que se aproba o texto refundido do Estatuto básico do empregado público; no R.D. Lex. 781/86, de 18 de abril; no RD 896/91, de 7 de xuño, polo que se establecen as regras básicas e programas mínimos o que debe axustarse o procedemento de selección dos funcionarios de Administración local; e no R.D. 364/95, de 10 de marzo, polo que se aproba o regulamento xeral do ingreso do persoal ó servizo da Administración do Estado, que ten carácter supletorio. Así mesmo é de aplicación a Lei 2/2015, do emprego público de Galicia e normativa que a desenvolve.
ANEXO I. TEMARIO
1. A Constitución de 1978. Significado, caracteres e estrutura. Principios xerais. Dereitos e deberes fundamentais dos españois. Reforma da Constitución. O Tribunal Constitucional.
2. O dereito administrativo. Concepto. Fontes do dereito administrativo. A Constitución. A lei. Disposicións normativas co rango de lei. O regulamento. Concepto e clases. Outras fontes do dereito administrativo.
3. O acto administrativo. Elementos. Clases. Motivación e forma. Eficacia. A invalidez dos actos administrativos: nulidade de pleno dereito e anulabilidade.
4. O procedemento administrativo. Iniciación. Ordenación. Instrución. Finalización do Procedemento. Execución.
5. Revisión de oficio, revogación e corrección de erros. Os recursos administrativos. O recurso contencioso-administrativo.
6. A potestade sancionadora. Concepto e significado. Principios do exercicio da potestade sancionadora. O procedemento sancionador e as súas garantías. Medidas sancionadoras administrativas.
7. A responsabilidade patrimonial do Concello: Principios xerais e tramitación dos expedientes.
8. O municipio: concepto e elementos. O padrón municipal de habitantes. Competencias do municipio. Servizos mínimos.
9. O Goberno municipal. O Pleno da Corporación. O Alcalde. A Xunta de Goberno Local. As Comisións Informativas.
10. Funcionamento dos órganos colexiados do Goberno local. Convocatorias, orde do día e certificacións.
11. O Rexistro de documentos. A presentación de instancias e outros documentos nas oficinas públicas. Comunicacións e notificacións. A práctica das notificacións.
12. A potestade regulamentaria dos entes locais territoriais. Ordenanzas e regulamentos: clases e procedemento de elaboración e aprobación.
13. Clases de persoal ao servizo do Concello. Dereitos e deberes. Réxime disciplinario. Situacións administrativas.
14. As Facendas locais. Recursos das entidades locais. Especial referencia ó Concello da Guarda. O orzamento xeral e o gasto público local.
15. O orzamento das entidades locais. Concepto. Estrutura. Formación e aprobación. Modificacións de créditos.
16. A xestión económica local. Fases da ordenación do gasto. Órganos competentes.
17. Conceptos básicos de contratación administrativa. Normativa, tipos de contratos, procedementos de adxudicación.
18. Conceptos básicos de disciplina urbanística. Normativa reguladora. Licencias, comunicacións previas e declaracións responsables. A protección da legalidade urbanística.
19. A administración electrónica. Principios básicos e desenvolvemento
20. Conceptos básicos de ofimática. Procesador de textos, folla de cálculo, base de datos, correo electrónico.
ANEXO II: MODELO DE INSTANCIA