“TER A GUARDA LIMPA DEPENDE DE TODOS”
O Concello da Guarda quere concienciar ós veciños e veciñas da localidade, e tamén os múltiples visitantes que durante estas datas conviven no municipio, de manter limpas as rúas.
Baixo o lema “Ter a Guarda limpa depende de todos” o alcalde do municipio, Antonio Lomba, busca que desaparezan os desperdicios e as bolsas con lixo, botellas e caixas de cartón que se acumulan fóra dos contedores.
Antonio Lomba afirma que cada mañá énchense dous camións de lixo tan só cos desperdicios que se depositan sobre a rúa. Lixo que, en moitas ocasións, os veciños e veciñas deberían levar ao punto limpo.
Son moitas as campañas que leva realizando o Concello para concienciar ós veciños neste sentido. Na última, os rapaces e rapazas da Guarda, foron os emisores das mensaxes que, situadas en diferentes contedores, impulsaban a xente a reciclar e a manter limpa a localidade.
O alcalde espera que todos os guardeses e as guardesas poñan o seu gran de area para que as rúas da localidade luzan limpas e libres de lixo.