O ciclo «Diálogos en Educación» comeza este venres cun faladoiro sobre «educación consciente»
A psicóloga e traballadora do centro San Xerome Emiliani, Joana L. Pereira, será a encargada de dar comezo a esta terceira edición de «Diálogos en Educación», un ciclo de charlas no que se promoverán o debate e a reflexión sobre diferentes temas de actualidade no ámbito educativo. Esta pretende ser unha actividade aberta ao público e participativa, de interese para persoas de diferentes perfís, máis alá da profesión docente.
Profesionais do mundo da pedagoxía e a psicoloxía guiarán os catro faladoiros que compoñen a programación do ciclo deste outono.
«Educación consciente, baseada en ‘mindfulness’» é o título deste primeiro faladoiro, que se celebrará na Casa dos Alonso a partir das 20:30 horas. Neste sentido, evidencias científicas suxiren que a aprendizaxe, a atención e a memoria están profundamente influídos polas emocións, de xeito que se estamos bloqueados emocionalmente, debido a múltiples causas, é moi difícil aprender. En cambio, se algo nos apaixoa, a aprendizaxe flúe sen que nos decatemos. Mindfulness para nenos e nenas responde á necesidade para encontrar espazos de tranquilidade, tanto física coma mental, entre as horas dedicadas ao colexio, as actividades extraescolares, as tarefas, as celebracións… baseándose en técnicas de relaxación e de meditación.
Programación e temáticas
A orde de celebración das charlas anunciadas inicialmente durante a presentación do evento, o pasado 3 de outubro, tivo que ser modificada por cuestións de axenda. Así as cousas, a segunda charla, co título «O multiculturalismo nas aulas, problema ou oportunidade» celebrarase o venres 10 de novembro contando coa participación do profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Juán José Bueno.
O profesor da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Javier F. Rouco, participará no terceiro faladoiro, que xirará en torno á «Filosofía para/con a infancia», namentres a derradeira entrega deste outono será o 1 de decembro e estará dirixida polo catedrático da UDC no departamento de Pedagoxía e Didácticas, Jurjo Torres. Este versará sobre as «Políticas educativas e as influencias neoliberais», realizando tamén unha análise sobre o futuro da educación.
Todos os encontros serán na Casa dos Alonso ás 20:30 horas, sen límite de aforo e sen necesidade de inscrición previa.