A Guarda celebrou o ano do centenario do MASAT cunha ampla programación cultural
En 2017 cumpríronse cen anos da apertura das portas do primeiro museo de Galicia, o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT), que na actualidade atópa na cima do Monte Santa Trega. Foron numerosos os actos levados a cabo durante un ano para conmemorar o centenario deste espazo museístico que iniciou a súa actividade o 10 de xuño de 1917.
O Concello traballou dende comezo do ano na imaxe que identificase o aniversario, deseñando un logo conmemorativo e vallas publicitarias lembrando o aniversario (situadas estas na zona das Loucenzas e na Alameda). Da mesma forma, na fachada principal do museo colocouse unha lona que permanecerá alí durante anos.
Respecto das actividades programadas, o centenario comezou a celebrarse cunha serie de obradoiros prácticos complementarios á oferta didáctica do MASAT. Con motivo do Día dos Museos, celebrouse unha xornada especial cun taller de cerámica, nós mariñeiros e heráldica, estendendo así a conmemoración do centenario ós outros espazos que conforman a Rede de Museos da Guarda. As actividades continuaron durante a temporada estival con visitas guiadas ao castro e o museo, dirixidas tanto a turistas como a centros escolares e outros grupos concertados.
Coincidindo co día no que se cumpriu o centenario da apertura do MASAT, o 10 de xuño de 2017, o historiador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez resaltou nunha conferencia as cualidades da Sociedade Pro-Monte, impulsora de varias iniciativas ao inicio do século XX, como a apertura do museo e a carreteira de subida ao monte coa descuberta do castro.
En conmemoración deste fito para a Guarda e Galicia e en recoñecemento do labor levado a cabo pola Sociedade Pro-Monte, instalouse un monólito labrado pola Escola de Canteiros de Pontevedra situado na praza do Reló que recordará sempre os cen anos pasados.
Durante o verán, realizouse nunha mostra monográfica titulada «Viaxando pola historia, cen anos do MASAT» na céntrica Casa dos Alonso. Alí exhibíronse durante máis dun mes as pezas arqueolóxicas procedentes dos fondos e se repasaron os cen anos de historia da institución. Amais, elaborouse un catálogo da mostra e, coas pezas máis emblemáticas da colección museística, deseñáronse uns paneis explicativos que se colocaron en diferentes puntos da vila.
Este grande abano de actividades co que puxo en valor esta importante parte da historia e patrimonio da nosa vila, contou co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2017.