O Concello urxe a tramitación de emerxencia da reparación do litoral na Lamiña e o Codesal
O alcalde dirixiu unha carta a Costas do Estado, Consellería de Medio Ambiente e a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, reclamando accións urxentes, dado o acelerado deterioro da liña da costa no esteiro do Miño a causa do recente temporal.
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz, ven de solicitar aos organismos autonómicos e estatais competentes unha actuación urxente que poña solución á perda de terreo na praia da Lamiña-O Forte e na zona do Codesal, onde as mareas vivas e o temporal dos últimos días causaron unha significativa aceleración no proceso de mingua do terreo.
Nesta liña, a erosión das mareas e outros fenómenos influentes no nivel do río «veñen producindo unha perda notable de terreo e zona dunar dende hai anos», indica Lomba, que cuantifica o retroceso do terreo na praia da Lamiña en preto 2 metros nos últimos días, co consecuente derrube de numerosas árbores no proceso. Neste punto existe, ademais, o risco de que a auga rompa o cordón dunar e acade a coñecida como «cova do Forte», unha zona onde o nivel do terreo é máis baixo ca o do río, provocando o seu asolagamento e a consecuente perda da barreira de dunas e de zona boscosa do Feno.
As consecuencias da acción das correntes fluviais e a acción do mar durante os últimos días tamén se poden comprobar na zona do Codesal, onde un tramo de escolleira reparado por Costas en 2016 resultou derruído. Esta obra de contención foi realizada seguindo os criterios ditados por Medio Ambiente, facendo uso de sacos de area e sementes para que a vexetación -que nunca chegou a xerminar- protexera a costa. «Esta solución, que pode funcionar nas canles dos ríos, ten demostrado non ser útil no esteiro do Miño», considera o rexedor local, que apunta ao organismo autonómico como «responsable» da deterioración da zona.
Encontro con Costas
A xefa do Servizo Provincial de Costas, Cristina Paz-Curbera, visitou o pasado 27 de febreiro a praia da Lamiña, a fin de comprobar o deterioro do areal. Nesta ocasión, Paz-Curbera comprometeuse a solicitar un informe técnico ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) de forma inmediata, así como unha proposta de actuación no areal.
Na situación actual, o Concello da Guarda esixe a tramitación de emerxencia das obras de reparación e contención nas zonas da Lamiña e o Codesal, co obxectivo de evitar consecuencias maiores sobre o terreo e o aumento dos custes económicos que estes danos poidan ocasionar.