O alcalde pide colaboración e implicación das Asociacións para manter A Guarda como cabeceira da comarca no comercio
Na Mesa Local de Comercio falouse sobre a reforma e regulamento da Praza de Abastos e a Programación do Nadal
Esta maña celebrouse, no Salón de Plenos do Concello da Guarda, a Mesa Local de Comercio. Neste encontro, que estivo presidido polo alcalde guardés, Antonio Lomba, estiveron presentes os Concelleiros Elena Baz, Paulino Rodríguez, Montserrat Magallanes e Mª Teresa Vicente, ademais de representantes de ACIGU e MercaGuarda.
O alcalde da Guarda foi o primeiro en falar. Así, Lomba, nesta primeira intervención quixo solicitar a colaboración de comerciantes e asociacións para que a Guarda siga manténdose como cabeceira da comarca no qua o Comercio se refire. “Temos que tirar todos do mesmo carro. A complicidade entre o Concello e o comercio local é fundamental”, afirmou Antonio Lomba.
Respecto a cuestión da reforma e regulamento da Praza de Abastos do municipio, a Concelleira responsable, Montserrat Magallanes, solicitou, unha vez máis, a implicación de ACIGU e MercaGuarda animándolles a aportar ideas e suxerencias.
No que se refire a organización do Nadal, a Concelleira de Cultura, Elena Baz, informou aos representantes das asociacións da programación prevista para estas datas. Baz solicitou a súa colaboración e axuda para costear o alumeado e o son para as rúas. Neste punto, os representantes de ACIGU e MercaGuarda comprometéronse a consultar coas súas respectivas xuntas directivas e asociados sobre esta posible colaboración.
A Concelleira de Cultura tamén explicou que a programación do Nadal da Guarda estaba deseñada para conseguir que a todos os veciños e veciñas da comarca lles resultase atractivo achegarse a esta localidade para mercar.
O alcalde da Guarda pechou a Mesa Local de Comercio comprometéndose a ter unha reunión con todos aqueles comerciantes que poidan estar afectados polos proxectos das rúas Concepción Arenal e Manuel Álvarez.