Un local abarrotado de público para escoitar a María González Portela na Barferencia “A testemuña dun século de historia”
O venres, 20 de novembro, comezou o ciclo de Barferencias de Inverno organizadas polo Concello da Guarda coa colaboración de ANABAM.
A encargada de inaugurar esta iniciativa foi a veciña guardesa María González Portela, que este mesmo mes cumpriu os 100 anos, e quen presentou “A testemuña dun século de Historia”.
González Portela comezou a falar ás 20 horas nun local abarrotado de xente tras a presentación do ex alcalde guardés, José Manuel Domínguez Freitas. A centenaria contou a súa vida e peripecias dende principios do século XX ata agora.
María González contoulles aos presentes como foi a chegada da guerra e o dura que foi a postguerra. Falou do complicado que era repoñerse dunha enfermidade xa que no se atopaban os medicamentos precisos e de como funcionaba a educación neses anos.
Como anécdotas, María González, contou que tiña tres datas de nacemento debido a perda dos papeis durante a guerra ou que ela aínda recordaba en funcionamento o colexio dos Xesuítas.
Todos os presentes, unhas corenta persoas, e tamén a protagonista da tarde, saíron moi contentos da Barferencia que se alongou unha hora e media.
Próximas citas
A seguinte Barferencia está programada para o xoves 3 de decembro ás 20,30 na cervexería ITACA. Nesta ocasión o tema a tratar será “Reescavando Mergelina” e contará coa presenza de Rafael Rodríguez.
O venres 28 de decembro na Casa dos Alonsos, Mar Cortegoso falará de “A salina do Seixal” e o venres 25 de xaneiro, Xosé Manuel Malheiro no bar Tecla´s será o ponente de “De Luis Vello a Alonso Ríos, viaxe polas escolas de Galicia”.
Pola súa banda, Roberto Rodríguez Álvarez, o venres 29 de xaneiro, no bar Bergantín, presentará a “Talasonimia da costa da Guarda” e Fani Alonso porá a guinda a este ciclo de charlas, o venres 26 de febreito no bar Aquilino falando de “15 pesetas por frete”.