A Langosta segue a ser a raíña da mesa na Guarda
A Guarda acolleu na xornada do sábado 7 de xullo a segunda xornada da XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, unha festa de Interese Turístico de Galicia, que atrae a milleiros de visitantes de todas partes de Galicia, España e Portugal.
A Programación de actividades deste sábado comezaba sobre as 11:00h co pasarrúas do Grupo A Boalleira da Gándara, dando lugar a apertura da Feira de Artesanía, que nesta edición conta cunha trintena de stands, localizados no Paseo do Porto.
Sobre as 12:00h do mediodía tiña lugar a XXIII Travesía a Nado do Porto da Guarda, un evento deportivo que congregou a máis de 50 deportistas que competiron en diferentes categorías nun percorrido de 1500m. Nesta XXIII edición resultaron gañadores absolutos Marcos Martínez Martínez e Antía Ortego Porta, entregándose ademais premios para o Nadador máis xove, Hugo Calvo Castro, o nadador máis veterano, Juan Enrique Salgado González, a nadadora máis xove, Laura Blanco Pérez para a nadadora máis veterana, Iria Álvarez Nion.
O Grupo Acevedos Delgados foi o encargado de amenizar musicalmente a hora do xantar, onde a afluencia de comensais voltou a ser moi significativa, ao igual que na xornada inaugural do venres, superando novamente as espectativas.
Os comensais valoraron a ampla oferta gastronómica, cun total de 24 pratos da cociña mariñeira, viños da D.O. Rías Baixas e sobremesas onde non faltou a recoñecida Rosca de Xema Guardesa.
Pola tarde os máis cativos gozaron dos inchables acuáticos e co espectáculo de Maxia realizado por Valeria Varitas.
Ás 21:00h o cómico e monologuista Oswaldo Digon realizou unha actuación baseada nas experiencias do día a día, historias que ten escoitado e que a cotío suceden á maioría de nós, un momento que foi seguido pola gran afluencia de comensais que xa se preparaban para o xantar na carpa do Porto.
Un dos espectáculos máis agardados chegou nesta noite coa actuación do Grupo MITIC, onde a gaita foi a protagonista acompañada doutros instrumentos de vento, corda e percusión. Máis de 15 músicos ofreceron un concerto no exterior da carpa cunha proposta diferente onde reinventaron aos clásicos do rock e do pop con versións de AC/DC, Cómplices,…
A programación da XXVIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira continúa este domingo ás 10:00h das mañá co pasarrúas a cargo do grupo tradicional A Boalleira, que voltará a actuar tamén ás 11:00h na apertura da carpa para esta xornada no porto da Guarda.
Ás 12:00h o Grupo de pop-rock Acevendos Delgados fará unha actuación musical para amenizar o inicio do xantar na carpa do porto, e tamén a esa mesma hora terá inicio o obradoiro infantil de Mini-chef, onde os máis pequenos poderán participar na creacións e pratos e traballar na cociña.
Ás 13:00h o cómico Roi Borrallas ofrecerá un espectáculo de cómico para a mocidade e adultos, unha velada de maxia e diversión amenizando o xantar aos asistentes contando coa súa complicidade, seguido dunha segunda actuación de Acevendos Delgados ás 13:45h.
Xa pola tarde entre as 17 e 20:00h os máis pequenos terán novamente a oportunidade de gozar coas instalacións de inchables acuáticos, non esquezades o bañador e a toalla.
Ás 19:00h Peter Punk e Brais das Hortas realizarán un concerto de Punkinfantil.
Como peche da festa, a partires das 20:30h terá lugar a Noite de Fados, coa actuación estelar de Celina da Piedade, recoñecida artista portuguesa que ofrecerá unha viaxe pola música tradicional portuguesa co seu acordeón.
Durante toda a fin de semana A Guarda ofrecerá visitas guiadas á Rede de Museos, formada polo Museo do Mar, o Castelo de Santa Cruz e o Monte de Santa Trega, haberá unha gran feira de artesanía e tamén disporase dunha pantalla xigante para o seguimento dos partidos do Mundial de Fútbol.
Tag:A Guarda, Festa da Langosta, turismo