“A Salina do Seixal” é o tema protagonista da próxima Barferencia de Inverno
A cita é o venres, 18 de decembro, ás 20,30 na Casa dos Alonsos
Este venres, 18 de decembro, terá lugar a terceira das “Barferencias de Inverno” organizadas polo Concello da Guarda coa colaboración da Asociación ANABAM.
Neste caso o tema protagonista será “A Salina do Seixal” e para falar del contaremos con Mar Cortegoso, directora das recentes escavacións realizadas neste enclave costeiro. Cortegoso informará aos presentes dos primeiros resultados obtidos.
Estes traballos, que se levaron a cabo durante os meses de verán, foron financiados pola Dirección Xeral do Patrimonio coa colaboración do Concello da Guarda.
A cita será ás 20,30 horas na Casa dos Alonsos. O Concello quere convidar a todos os veciños e veciñas da vila a acudir a esta Barferencia para coñecer o estado e a historia destas salinas.