O Concello da Guarda recorda a obriga de limpeza e acondicionamento das fincas conforme á lexislación
O Concello da Guarda diante da ameaza da propagación de incendios forestais que se produce no período estival e co fin de manter as condicións de seguridade e ornato das fincas existentes no municipio, recorda que é do máximo interese que as leiras e solares se atopen nun adecuado estado de limpeza e coa masa forestal rozada.
Como veciños e veciñas, temos o deber de cumprir coas nosas obrigas para facilitar a convivencia tranquila e pacífica entre todos. Así, quen teña en propiedade terreos, construcións, edificios e instalacións debe cumprir cos requirimentos que marca a lexislación vixente. A saber:
• Os propietarios dos terreos teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 m arredor de calquera núcleo de poboación, edificacións, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e instalacións industriais situados a menos de 400 m do monte.
• Nesa mesma franxa de 50 m non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira da lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (piñeiro, mimosa, acacia, eucalipto, xesta, silva, toxo, …).
• Deberase proceder á xestión da biomasa no ámbito municipal para protexer os núcleos de poboación, edificacións, equipamentos e infraestruturas, antes do 31 de maio de cada ano.
Ademais recórdase que:
• Na tempada de alto risco quedan prohibidas as queimas(este ano ata finais de outubro)
• Non tires cabichas nin obxectos ao monte e extrema as precaucións
• Débese alertar das prácticas delituosas no monte, os incendiarios son delincuentes, denuncia
• Se ves lume chama ao 085 ou 112.
Dende o Concello solicitamos novamente a colaboración de toda a veciñanza, lembrando que, no caso de incumprir o establecido na lexislación, o Concello poderá optar, segundo os casos, pola execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo o custo da mesma nos titulares das fincas, pola imposición de multas coercitivas entre 120 e 10.000 euros, e mesmo, por financiar a execución de talas coa posible venda das especies ilegais; todo iso sen prexuízo de proceder á apertura do correspondentes expedientes sancionadores, que no que vai de tempada xa se tramitaron 239.