Inaugurada a Mostra «GalizAmérica» na Guarda
A Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle ata o 10 de novembro a exposición «GalizAmérica», unha mostra que amosa o florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo.
O pasado xoves día 25 de outubro o Centro Cultural de A Guarda acolleu o acto de inauguración da mostra GalizAmerica, que contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, do alcalde da localidade, Antonio Lomba, a concelleira de Cultura, Elena Baz e da comisaria Carmen Carreiro.
Esta exposición, de carácter itinerante, forma parte do programa de actividades do Ano da Lingua da Deputación e fai un percorrido pola evolución da lingua e da cultura galegas no exilio durante os anos da ditadura. Na súa intervención, Xosé Leal fixo especial fincapé en que “grazas a esta iniciativa podemos amosar por varios puntos da provincia todo o traballo que realizaron os intelectuais galegos exiliados, e os eu esforzo por manter vivo o facho da nosa cultura e da nosa lingua”. O deputado nacionalista tamén se referiu a “eses anos escuros da nosa historia, que foron os do fascismo, e que obrigaron a moitas persoas comprometidas coa democracia e coa liberdade a seguir loitando lonxe das nosas fronteiras pero sempre coa patria e a cultura de noso como guía”.
Hai que lembrar que esta exposición, comisariada por Carmen Carreiro e por Ramón Nicolás, iniciou a súa andaina pola provincia no concello de O Grove, continuou por Gondomar, e tras pasar por A Guarda, seguirá por Redondela, onde permanecerá do 15 de novembro ao 2 de decembro, e rematará en Poio, onde estará do 5 ao 23 de decembro. Esta exposición, ademais da información e da documentación que recolle nos paneis, tamén se complementa con conferencias e coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo. No caso de A Guarda, tras o acto de apertura, tiveron lugar dúas microconferencias. A primeira a cargo de Mónica Rebolo, titulada ‘Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata’, e a segunda a cargo de Phillip Duncan baixo o epígrafe ‘Entre Vigo e Asunción: Avelino Elías no exilio (1936-1958)’. A proxección do filme está prevista para o xoves 9 de novembro ás 20:30 horas no mesmo Centro Cultural.
GalizAmerica está composta por 13 paneis no que vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados: o primeiro versa sobre a represión, atendendo a como se relaciona o exilio coa súa causa máis inmediata. A este apartado corresponden os paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Mentres que a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia en programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.
O horario de visita de GalizAmerica na Guarda é de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 os sábados.
Tag:A Guarda, cultura, Exposición, galizamérica, mostra