Cinema, exposicións e Bebeteca para dar a benvida ao mes de novembro na Guarda
O Concello da Guarda programa para esta fin de semana varias actividades para todos os públicos coa proxección da película “Animales Fantásticos”, a Exposición “GalizAmérica” e a “Bebeteca” na Biblioteca Municipal.
Programación por días
Venres 2 de novembro:
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda, sita no primeiro andar do Centro Cultural, acolle este venres día 2 de novembro ás 18:00h da tarde unha nova sesión de “Bebeteca”, destinada a pais nais e bebés de 0 a 3 anos de idade.
Esta actividade consiste nun diálogo coas familias asistentes na que se tratará o tema dos diferentes medos infantís propios desta idade e como os contos poden axudar para superalos.
Cada persoa recibirá un ha guía de lectura con información dos libros que están dispoñibles na biblioteca e outros.
A “Bebeteca” é un espazo con libriños especialmente pensados para iniciar na lectura ao bebés. Libros con imaxes, texturas, formas, sons e títeres de dedo.
Tamén este venres o Centro Cultural da Guarda acolle a proxección da película «Animales Fantásticos», enmarcada no ciclo Cinema de Outono promovido dende a Concellería de Cultura.
A proxección terá lugar ás 21:00h no Salón de actos do Centro Cultural, non é preciso retirar tickets con antelación e a entrada é de balde.
Dende a Concellería de Cultura convídase a todos os que desexen asistir, a que participen nestas proxeccións de cinema.
A Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle tamén a exposición «GalizAmérica», unha mostra que amosa o florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo.
O horario de visita de GalizAmerica na Guarda este venres é de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h.
Sábado 3 de novembro:
A Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle a exposición «GalizAmérica», unha mostra que amosa o florecemento da cultura galega en América e complementase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo.
O horario de visita de GalizAmerica na Guarda na xornada do sábado é de 10:00h a 13:00h.
Tag:A Guarda, bebeteca, Cinema, cultura, Exposicións