A nova Escola Infantil da Guarda pendente da decisión de Política Social
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, leva meses pendente dunha xuntanza coa nova conselleira de Política Social, Fabiola García. O rexedor guardés solicitou a reunión cando a conselleira tomou posesión en setembro de 2018 para pedirlle que asumira os compromisos do seu antecesor no cargo respecto á nova Escola Infantil da Guarda. O anterior conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asumiu diante do alcalde da Guarda o co-financiamento da redacción do proxecto e construción dunha nova Escola Infantil cunha participación da Xunta nun 70%.
O compromiso era realizar a obra en dúas anualidades, 2019-20 para resolver, á maior brevidade posible mo déficit de prazas públicas de 0 a 3 anos que ten o Concello da Guarda. O presidente da Xunta de Galicia comprometeuse publicamente a cumprir o ratio de prazas recomendado pola Unión Europea e incluso melloralo. Na actualidade Europa recomenda unha porcentaxe de 33% de prazas por número de nacementos, en Galicia, segundo informacións da Xunta, alcánzase un 41% de prazas financiadas con fondos públicos mentres que na Guarda a porcentaxe, segundo o último informe de Servizos Sociais municipais, non alcanza o 20%. Esta falta de prazas está provocando que moitas familias teñan que levar aos cativos e cativas aos concellos veciños.
No presente curso de 2018/19, a pesar de quer hai moitas familias que xa non solicitaron praza na localidade, coñecedoras da pouca dispoñibilidade, a lista de agarda ascendeu a 44 nenos e nenas.
Ademais da demanda de nova Escola Infantil, o alcalde da Guarda quere trasladar á conselleira a solicitude feita en 2016 e reiterada en numerosas veces para que a Escola Infantil da Guarda pase a formar parte da rede de escolas Galiña Azul.
Tag:A Guarda, educación, Escola infantil