O concello da Guarda celebra o Día Internacional do Orgullo LGBT
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes e a concelleira de Servizos Sociais, Mª Teresa Vicente, amosaron o apoio do concello á comunidade LGBT este martes día 28 de xuño no que se celebra, como cada ano, o Día Internacional do Orgullo LGBT.

As autoridades guardesas izaron a bandeira arcoiris, imaxe do colectivo, no consistorio da localidade para respaldar, neste acto simbólico, o Día do Orgullo LGBT e impulsar a tolerancia e igualdade entre as persoas sexa cal sexa a súa orientación sexual.
Este día conmemora os disturbios de Stonewall, unha serie de manifestacións que tiveron lugar o 28 de xuño de 1969 en Estados Unidos e que se consideran o primeiro acto de loita contra o sistema en prol dos dereitos do colectivo. O que se busca é dar visibilidade ao colectivo homosexual, bisexual e transexual; historicamente silenciado e perseguido. Tódolos anos esta é unha celebración especial, pero nesta ocasión aínda o é máis se cabe, co recente tiroteo nun clube gai de Orlando na mente de todos.
O concello da Guarda desexa a todos os seus veciños e veciñas un bo día do Orgullo LGBT e expresa o seu desexo de que acaben os ataques, como o de este ano, a un colectivo que só pretende ter igualdade de dereitos e desfrutar da vida en paz.