Concerto de Indie Rock a cargo do grupo Inertes este sábado na Guarda
Este sábado día 28 de decembro ás 20:00h a Praza do Reló acolle o Concerto do Grupo Inertes, enmarcado na Programación de Nadal 2019/20.
Inertes é un grupo vigués que non pasa desapercibido alá por onde deixa pegada coa súa música nos escenarios a nivel nacional. O seu terceiro e último traballo é un disco con alma de directo e tal e como eles mesmos o definen, un “discometraxe” formado por 10 temas de composición propia plasmando todas as influencias que tiveron nos últimos anos, tanto no campo musical como no emocional, e sempre moi ligado á imaxe cinematográfica. “Zona16mm” é este traballo que lles ten levado por salas de todo o país, ofrecendo máis de 30 concertos na súa pasada xira de 2017.
Co son das súas guitarras en primeiro plano, atrévense a probar novos esquemas de cancións cheas de matices e inesperados contrastes, que teremos a ocasión de gozar este sábado na Guarda.
En Caso de choiva o concerto realizarase no Centro Cultural con entrada libre ata completar o aforo.
Tag:Concerto, indie rock, inertes, Música, Nadal