O Alcalde da Guarda reúnese coa Conselleira para falar da VAC Tui-A Guarda
Fai uns días o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantiveron a reunión que o alcalde viña demandando dende fai tempo para tratar entre outros temas o da Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui-A Guarda.
Fai uns días o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantiveron a reunión que o alcalde viña demandando dende fai tempo para tratar entre outros temas o da Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui-A Guarda.
Antonio Lomba trasladoulle a conselleira a preocupación que existe na localidade respecto do proxecto do vial que debe conectar A Guarda e O Rosal coa autoestrada A-52 en Tui. Esta preocupación fíxose patente fai uns meses cando se anunciou o desvío dunha partida orzamentaria que tiña como destino o tramo I da VAP Tui-A Guarda para outra infraestrutura. Naquel momento o alcalde fixo chegar a conselleira o malestar da cidadanía a través dunha moción, aprobada por unanimidade da corporación, mostrando desacordo co desvío de fondos e de apoio ao vial, así como unha carta no mesmo sentido asinada polas asociacións de empresarios e comerciantes da Guarda. De igual forma se pronunciou o pleno da Mancomunidade do Baixo Miño.
Na reunión o alcalde insistiu de novo na necesidade desta infraestrutura para A Guarda, argumentando, como xa o fixera en anteriores ocasións, que “é urxente para a nosa localidade rebaixar o tempo de viaxe ata conectar coa autoestrada principalmente para diminuír o tempo de viaxe a Vigo”. Esta é unha prioridade dende o punto de vista de igualdade de oportunidades e desenvolvemento económico, o alcalde reclamou o dereito de mellorar o acceso aos servizos sanitarios, aos centros educativos, á universidade e aos principais centros de traballo. Nesta ocasión incluso foi máis alá e culpou a mala comunicación da Guarda como principal motivo para non fixar poboación xove o que está a provocar a redución progresiva da poboación no concello.
Con estes argumentos, Antonio Lomba, reclamou a conselleira un plan de execución con prazos e investimentos concretos para que os veciños e empresas da Guarda deixen de vivir na incertidume que esta obra está a provocar e poidan facer os seus plans de futuro no que a isto respecta. Pola súa parte a conselleira comunicoulle ao alcalde que se iniciou o prazo de licitación para o proxecto técnico do enlace co polígono de Areas e que nos orzamentos do próximo ano haberá partida para o tramo I Tui-Tomiño. Díxolle tamén que neste momento non podía comprometer un plan con datas e investimentos concretos para o tramo II que enlaza coa rotonda de Goián, pero que vista a insistencia de Antonio Lomba da necesidade de traballar cun horizonte concreto comprometeuse a elaborar, nun tempo razoable, un plan de execución para esta obra. O alcalde expresoulle que non lle importaba esperar ata fin de ano se conseguían un compromiso firme por parte da Xunta de Galicia.