Cheo total na Casa dos Alonsos pola inauguración da exposición fotográfica “Camiños da imaxe”
Este pasado venres, 22 de xullo, tivo lugar a inauguración da exposición “Camiños da Imaxe” na Casa dos Alonsos, ás 21 horas. A planta inferior do edificio encheuse por completo para non só presentar esta mostra, senón tamén para homenaxear ao fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, cuxa obra é a protagonista da mesma.
Este pasado venres, 22 de xullo, tivo lugar a inauguración da exposición “Camiños da Imaxe” na Casa dos Alonsos, ás 21 horas. A planta inferior do edificio encheuse por completo para non só presentar esta mostra, senón tamén para homenaxear ao fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, cuxa obra é a protagonista da mesma.
Como cada ano por estas datas, a vila da Guarda abre as portas da Casa dos Alonsos á obra dun destacado artista da Comarca do Baixo Miño. Non obstante, este ano é moi especial, pois nesta mostra organizada polo Concello da Guarda e comisariada por Proxecto Socheo, reúnese a obra do fotógrafo e filmógrafo guardés Costiña. Estamos ante o pioneiro do cinema guardés do que recentemente foron atopados e dixitalizados os seus filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.
Esta inauguración contou coa presencia de autoridades locais, como o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Cultura, Elena Baz; ademais da presencia de Xurxo González Rodríguez, por parte de Proxecto Socheo e Ricardo Rodríguez en representación da familia de Costiña.
A concelleira deu comezo á inauguración cunhas palabras en agradecemento á familia do fotógrafo, sen quen sería imposible reunir esta obra fotográfica e quixo destacar a figura de Costiña e, moi en especial, a súa sensibilidade pola cultura.
Dende Proxecto Socheo, tamén se agradeceu á familia, así como ó alcalde, á concelleira e a todo o Departamento do Concello da Guarda. Ademais, fixo un pequeno repaso pola apaixonante biografía de Costiña, salientando que A Guarda deu atopado o seu pioneiro do cinema co achado dos seus filmes.
A continuación tamén quixo pronunciar unhas palabras o representante da familia, quen volveu transmitir os seus agradecementos a todos os que fixeron posible recoñecer a figura de Costiña e dar a coñecer as primeiras imaxes de cinema dun autor guardés das que se ten constancia e que se poderán ver xunto a imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, obxectos e fotografías persoais.
En último lugar o alcalde da Guarda, ademais de reiterar os agradecementos,lembrou o que sentiu o día que lle comunicaron o descubrimento destes filmes, pois como anterior concelleiro de Cultura e actual alcalde foi un momento moi emocionante ser parte deste importante descubrimento para a cultura da Guarda.
Tras estas intervencións e despois de que os asistentes ó acto contemplaran as fotografías e obxectos recollidos na exposición, a noite rematou coa proxección nocturna na Praza do Reló, cara ás 22,30 horas, da filmación íntegra de Costiña. Esta incluía escenas da vida cotiá protagonizadas pola súa familia, especialmente polas súas fillas Joaquina e Celia. Esta cinta, que foi dixitalizada coa axuda do CGAI, mostra as imaxes tal e como foron montadas polo propio Joaquín Portela, sen ningunha alteración. Chama a atención que non seguen unha orde cronolóxica pois vemos ás nenas con diferentes idades en diferentes momentos.
Tamén se puideron ver paisaxes locais como a costa, o monte, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo) nunha cinta que se estará a reproducir durante a exposición. Para visitala o horario de apertura de martes a sábados (excepto este venres, que non abrirá) é de 12 a 14 horas pola mañá e de 19 a 22 horas pola tarde. Os domingos e festivos será de mañá, entre as 12 e as 14 horas.
Dende o Concello da Guarda agradécese a todos os que fixeron posible que esta inauguración fora todo un éxito e achégase a invitación para visitar a mostra, que estará aberta ó público na Casa dos Alonsos ata o día 15 de agosto.