Concluíu a campaña “Abril Mes do Libro” coa entrega de diplomas e agasallos aos participantes do “Certame de Microrrelatos”
Esta semana remata o mes de abril e, con el, tamén chega ao seu final a campaña “Abril Mes do Libro” impulsada pola Concellería de Cultura da Guarda para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebrou o pasado día 23.
Con motivo destas celebracións, o Concello da Guarda adicoulle ao libro diversas actividades durante todo o mes, encadradas na campaña “Abril Mes do Libro”. Así leváronse a cabo iniciativas como as dúas citas cos Contos Contados polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e polo propio Día do Libro. Tamén se proxectaron as películas “Al encuentro de Mr. Banks” e “Cenicienta”, que tiñan ao mundo da literatura como protagonistas.
Durante a Semana Santa impulsouse a iniciativa “Mochilas viaxeiras de Semana Santa”. E ademais celebrouse o “Certame de Microrrelatos”, que estivo aberto á participación de toda a cidadanía. O venres 21 de abril, ás 18 horas no Centro Cultural, foi a entrega de diplomas e agasallos aos participantes e puido comprobarse o éxito e bo recibimento da proposta. Foron 57 as persoas que participaron e, entre eles había xente de tódalas idades, desde nenos e nenas pequenos, que participaron a través do profesorado; mozos e mozas de entre 13 e 19 anos, ata nais e pais pasando por xente de maior idade. Esta variedade tamén se viu nas temáticas das obras, que en xeral foron diversas e moi orixinais e que estarán expostas no Centro Cultural ata o 29 de abril.
Dende o Concello da Guarda agradecen a participación dos veciños e veciñas nas diferentes iniciativas e esperan que desfrutaran dun mes adicado ao libro e á promoción do hábito da lectura.
Tag:A Guarda, Abril, Concello da Guarda, cultura, libro