A exposición «Auga, o sangue da terra. Un proxecto de Manuel Valcárcel» chega á Guarda da man de Afundación e Abanca
O luns día 29 de outubro de 2018 realizouse na Casa dos Alonso a firma do convenio de colaboración cultural entre ABANCA, Afundación e o Concello da Guarda para desenvolver a exposición «Auga. O sangue da terra», obra do fotógrafo Manuel Valcárcel, e unha programación de actividades educativas paralelas á mostra en colaboración cos centros de ensino.
Na sinatura participaron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; o xefe de zona Condado Baixo Miño de ABANCA, Luis Martín Blanco; e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela e Juan Jesús González, Director da Oficina de ABANCA na Guarda.
A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama e outros próximos, como a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia dela nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o vindeiro martes 11 de decembro na Sala de exposicións do Centro Cultural da Guarda (avda. Rosalía de Castro, 14), onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 h e de 17.00 a 20.00 h e os sábados de 10.00 a 13.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente Cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Tag:A Guarda, abanca, afundación, cultura, Exposición