A Guarda acolle ata o 7 de decembro a Exposición de Pinturas «Músicas da Terra»
O pasado venres día 23 de novembro a Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolleu a inauguración da Exposición de Pintura “Músicas da Terra” do artista pontevedrés Álvaro Novegil “Alvarellos”.
No acto de inauguración, ao que asistiron preto de medio cento de persoas, a Concelleira de Cultura, Elena Baz, amosou a súa satisfacción por poder contar na Guarda con esta interesante e vistosa exposición de pinturas, convidando a todos e todas a que visiten esta exposición.
Despois dunhas verbas de benvida contouse cunha pequena actuación do Zanfonista e luthier, Carlos do Viso, quen fixo as ledicias dos asistentes coa súa zanfona e as súas melodías.
Esta exposición recolle unha obra plástica de Alvaro Novegil, un artista de formación autodidacta que se inspirou nos pintores galegos expresionistas -contemporáneos e do século pasado-.
Alvarellos plasma na súa obra, a forza das súas cores en fusión coas melodías que interpreta coa súa gaita. Amante da nosa música, gaiteiro e investigador folclorista no eido do toque pechado das Rías Baixas, imprime nos seus cuadros a elegancia e o señorío dos nosos bailes e a ledicia melódica da nosa música tradicional, Música da Terra.
A exposición de “Músicas da Terra” ven a amosar na Guarda unha homenaxe a os Gaiteiros, tanto nas súas formacións máis tradicionais –cuartetos- como tamén solistas ou tríos. Fai unha homenaxe aos gaiteiros de principios do século XIX -Perfecto Feijoo, Xoán Tilve, Manuel Villanueva- con esas gaitas tumbales e bordón de chión, temperando con xeito tradicional.
Merece un especial apartado tamén, os zanfonistas, tomando ese instrumento, gran descoñecido na Nosa música dende a idade media: A Zanfona. En “Músicas da Terra” se representan varias obras adicadas aos zanfonistas, algunha delas con tintes de abstracción.
A exposición se pode visitar no Centro Cultural da Guarda en horario de Luns a Venres de 10-13 17:20 S 10-13 ata o 7 de decembro.
Charla este venres sobre “O toque pechado na gaita en Pontevedra”
Complementará a mostra este venres día 30 de novembro no Centro Cultural ás 19:30h. unha interesante charla sobre “O toque pechado na gaita en Pontevedra”, a cargo do gaiteiro, músico e artista Oscar Ibáñez, que dará paso tamén ao Mestre de Percusión Andrés Vilán, que presentará o seu libro “Método de Tambor Galego”.
Tag:A Guarda, cultura, Exposición, Pintura