Cinema familiar para conmemorar a figura de H. C. Andersen
Este sábado 2 de abril ás 18h. proxectarase no Salón de Actos do Centro Cultural o filme “O fabuloso Andersen”
Este sábado 2 de abril ás 18h. proxectarase no Salón de Actos do Centro Cultural o filme “O fabuloso Andersen”
“Érase una vez…En Dinamarca vivía un gran escritor de cuentos llamado Hans Christian Andersen. Ésta no es la historia de su vida, sino un cuento de hadas sobre este gran narrador de cuentos de hadas”. Con esta declaración de intencións arranca o filme, concibido en formato musical. Nel atoparemos ó zapateiro Hans Christian Andersen, que ten revolucionada á súa aldea natal por meterlle na cabeza tantos contos e historias ós nenos.
Producido en 1952, ó gusto dos filmes musicais da época, é sen dúbida unha cinta ideal para ver en familia. Protagonizada polo actor e bailarín Danny Kaye e dirixido por Charles Vidor (“Canción inolvidable”, “Gilda”…) , fará as delicias tamén dos aficionados ó cinema musical clásico, e os contos de fadas.
Alí vos esperamos a todos, pequenos e maiores, para xuntos poder conmemorar o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, data do nacemento de Hans Cristian Andersen, o autor de contos máis popular de tódolos tempos.
Ese mesmo día, e durante toda a semana haberá na Biblioteca Municipal da Guarda unha exposición dos libros de Hans Christian Andersen. Para culminar esta celebración, regalaranse libros os nenos que acudan a ver o filme.