Diversas actividades nunha fin de semana moi dinámica na vila da Guarda
Esta fin de semana son moitas e moi diversas as actividades organizadas na vila da Guarda.
A primeira delas é a iniciativa “Conversas coa Xuventude”, organizada pola Concellería de Xuventude do Concello da Guarda. Esta actividade, que terá lugar mañá venres, ás 20,30 horas na Casa dos Alonsos, nace coa intención de crear un espazo de encontro entre a administración local e a mocidade.
Nesta primeira sesión, que leva por título “Implicación entre a xuventude e o Concello” intervirán José Manuel Domínguez Freitas, ex alcalde da Guarda e Antonio Lomba Baz, actual alcalde do municipio.
“Conversas coa Xuventude” quere facilitar ferramentas de participación directa á mocidade para que teñan a oportunidade de expor e facer chegar as súas propostas, necesidades e demandas ó Concello.
Sábado e domingo
O sábado, 3 de outubro, o Concello ten organizada unha nova andaina. Neste caso o roteiro será polos montes da Pedrada e da Magdalena, no Concello de Tomiño.
A saída é as 8,30 horas da explanada da Sangriña e espérase que a chegada sexa aproximadamente ás 18 horas.
Durante esta andaina se percorrerán enclaves de alto valor paisaxístico que ofrecerán os participantes excelentes vistas panorámicas das comarcas do Baixo Miño e Val Miñor.
Durante toda a xornada do sábado, no auditorio guardés de San Bieito, o Centro Social O Fuscalho organiza a súa V edición do Mercadillo Sustentable. Nesta ocasión a actividade contará coa actuación de “C Orquesta Pantasma”.
Por último o domingo terá lugar a “15K do Atlántico” que percorrerá os Concellos de A Guarda, Oia e O Rosal.
A carreira comezará as 11 horas dende o campo de fútbol de Oia e rematará o final do paseo marítimo guardés.
Este ano, por primeira vez, celebrarase á vez a primeira edición da “Andaina 15K do Atlántico”. A saída para os participantes será ás 10 horas dende o mesmo punto da carreira e terminarán, tamén, xunto aos corredores no porto da Guarda.