A FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA DA GUARDA REPARTE UNS 500 KILOS DE ESTE PREZADO MARISCO
A cantidade de comensais superou todas as expectativas
A festa da Langosta e da Cociña Mariñeira celebrada durante o pasado fin de semana na Guarda, foi un verdadeiro éxito. Tanto os restaurantes presentes na carpa gastronómica, como a bodega, a cafetería e a confeitería, ou os artesáns participantes na feira e o propio Concello, organizador do evento, confirman que a XXV edición desta festa superou todas as expectativas e foi moito mellor ca celebración dos anos anteriores.
En total, entre os catro restaurantes venderon 500 quilogramos de langosta, servida tanto a peza enteira como a metade e, tanto cocida coma a prancha. Ademais de este prezado marisco, os establecementos tamén ofreceron polbo, navallas, empanadas, croquetas,percebes, brochetas ou buñuelos de rape.
Toda a xente que durante todo o fin de semana se acercou á carpa fixo que algúns destes produtos o domingo xa estivesen esgotados, como por exemplo as croquetas de langosta ou os saquiños recheos de marisco.
Os comensais foron unha constante durante todo o fin de semana. O venres á noite, coincidindo coa apertura da carpa e a demostración gastronómica do chef pregoeiro da festa, Yayo Daporta, a carpa instalada no Porto da Guarda, estivo practicamente chea.
O sábado, a xente comezou a achegarse polo recinto ás 12 horas, momento no que os restaurantes xa comezaban a servir os seus pratos.
Este ano, o que máis chamou a atención, foi que os comensais foron chegando de maneira moi graduada e constante.
Entre a xente que visitou a carpa atopábanse moitos veciños e veciñas da Guarda, do Rosal ou de Tui, pero tamén xente chegadas dende outros puntos de Galicia, como Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Sanxenxo. Moitos dos visitantes eran madrileños, canarios, estremeños, cataláns ou leoneses, pero sen esquecer ós comensais internacionais chegados, por exemplo, de Portugal, Inglaterra, Francia ou Alemaña.
A pesar de que a festa principalmente baséase na gastronomía, o resto da programación tamén tivo un espectacular recibimento. Este é o caso do tren turístico que levaba de forma gratuíta ós visitantes a coñecer a localidade. A pesar de que había saídas durante toda a tarde e dous pola mañá, o volume de xente que quixo utilizalo fixo que algúns deles quedaran sen billetes.
A XX Travesía a Nado Porto da Guarda, celebrada o sábado a partir das 18 horas, tamén foi un éxito de participación xa que máis de 100 nadadores foron quen de rematar o percorrido.
Na feira de artesáns tamén houbo moitos visitantes e os inchables e obradoiros para nenos estiveron cheos de rapaces durante toda a súa duración.
Unha das actividades que máis chamou a atención e fixo que se formasen colas na carpa foi o taller de fotografías. Neste evento, todo aquel que quixese, podía facerse unha fotografía suxeitando unha langosta de xoguete na man, e con diferentes gorros e gafas, aparecer co fondo do Porto da Guarda, e levala de recordo da XXV Edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.
Por último, os concertos que se sucederon durante todo o fin de semana tamén atraeron a moita xente á carpa. O venres, tras a inauguración os encargados de poñerlle banda sonora a festa foi a orquestra “América”. O sábado pola mañá actuou o acordeonista Daniel Vilanova, e pola noite soou a música dos anos 60 da man do grupo guardés “The Winning Numbers” e a dos 70 grazas a “Lou Reyes”.
O domingo, os encargados de pechar esta exitosa edición, foron Claudia Madeira e Rui Teixeira, artistas chegados dende Portugal, que deslumbraron cos seus fados.