A rúa do Celta e a rúa Vigo inaugúranse mañá en homenaxe ós 25 anos da Peña do Baixo Miño
Con motivo do vixésimo quinto aniversario da Peña Celtista do Baixo Miño, e coincidindo coa celebración das Festas do Monte na vila guardesa, mañá venres inauguraranse as novas rúa Vigo e rúa do Celta en substitución da Primeira e Segunda Transversal Bechos e a Terceira Transversal Bechos, respectivamente.
Contaremos coa presenza e intervencións do alcalde do Concello de Vigo, Abel caballero, o presidente do R.C. Celta, Carlos Mouriño, e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba. Estarán tamén presentes o xogador do club vigués, Sergio Álvarez, e o ex-xogador e actual delegado de campo, Vladimir Gudelj, amais da deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes, e o presidente da Peña Celtista do Baixo Miño, José Carlos Rodríguez.
O acto comezará ás 11:30 horas na Primeira Transversal Bechos á altura da intersección coa rúa Galicia, onde se inaugurará a rúa Vigo. Deseguido, descubrirase a nova placa da rúa do Celta na Terceira Transversal Bechos, na contorna do Centro de Saúde. A rúa Vigo e a rúa do Celta pasarán, así, a formar parte do rueiro local, nun acto en homenaxe ao 25 aniversario da Peña Celtista do Baixo Miño.