Abel Caballero, Carlos Mouriño e Antonio Lomba inauguran as novas rúa de Vigo e rúa do Celta
O alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, e o rexedor guardés, Antonio Lomba, foron os encargados de descubrir a placa da nova rúa Vigo que, dende esta mañá, substitúe á Primeira e Segunda Transversal Bechos. A eles se uniu o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, para a inauguración da rúa do Celta, na que ata hoxe era a Terceira Transversal Bechos.
Tamén estiveron presentes no acto o presidente da Peña Celtista do Baixo Miño, José Carlos Rodríguez, o concelleiro de Deportes vigués, Manel Fernández, o primeiro tenente de alcalde da Guarda, Miguel Español, e outros membros da corporación local. Sumáronse, tras as inauguracións, os xogadores do Celta Sergio Álvarez e Nemanja Radoja, e o ex-xogador e actual delegado de campo do club, Vladimir Gudelj, que saudaron aos afeccionados e atenderon as demandas de autógrafos e fotografías.
Novos nomes no rueiro guardés
O son da gaita e o baile tradicional acompañaron o acto de inauguración, que comezou pasadas as 11.30 horas na intersección da nova rúa Vigo con rúa Galicia. Antes de descubrir a placa, o alcalde vigués quixo agradecer o “xesto de amizade” por parte da vila guardesa, da que confesou sentirse moi próximo. “Un dos meus primeiros recordo é aquí, na praia, cos meus país intentando que me metera na auga”, confesou Caballero, ao explicar que, cando era un neno, esta era a localidade escollida pola súa familia para pasar o verán.
Referíndose ao estreito vínculo que une a ambas localidades, Antonio Lomba asegurou que o nomeamento da nova rúa resolve unha débeda pendente co veciño vigués. “A Guarda é a nosa vila, pero Vigo é a nosa cidade”, afirmou o rexedor local.
Descuberta a placa da rúa Vigo, o acto trasladouse á nova Rúa do Celta, onde se sumou o presidente do club vigués, Carlos Mouriño, para agradecer a homenaxe. “É un orgullo, unha satisfacción e un compromiso, que nos obriga a estar máis pendentes de todo o que pasa ao noso redor e coa nosa afección” referiu o presidente, para sentenciar que “o Celta non leva só o nome de Vigo”, senón tamén o de moitas outras localidades que, como a guardesa, contan cunha afección “grande e ruidosa”, engadiu Antonio Lomba.
O ex-xogador Vladimir Gudelj e os xogadores do club, Sergio Álvarez e Nemanja Radoja, uníronse á celebración unha vez remataron os seus compromisos deportivos, para atender a afección. Decenas de persoas agardaban na nova rúa do Celta con balóns e camisetas celestes para poder facerse cun autógrafo dos futbolistas, que cumpriron de boa gana as demandas de pequenos e maiores.
Namentres, Carlos Mouriño aproveitou para coñecer a exposición “Arte do adentro” do colectivo SOMOSARTE, que estes días se expón no Centro Cultural da Guarda, en horario de 10 a 13 horas e de 19 a 22 horas ata o próximo martes 15 de agosto.