TRABALLOS PARA A RECUPERACIÓN DO PRATRIMONIO MATERIAL NO MONTE SANTA TREGA
Un equipo de arqueólogos, restauradores e auxiliares de escavación comezaron os traballos de intervención arqueolóxica para a recuperación do castro de Santa Trega, no Concello da Guarda.
Este ambicioso proxecto englóbase no marco do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, e céntrase na recuperación do barrio Megelina, zona que ocupa unha superficie aproximada de 2500 metros cadrados. Neste espazo, persoal do Padroado Municipal xa actuou recentemente para mantela libre de vexetación polo que na actualidade é perfectamente observable.
Sen embargo o tempo transcorrido desde as últimas intervencións arqueolóxicas (1928-33) e a acción da vexetación deterioraron considerablemente as 45 estruturas existentes, polo que decidiron actuar de novo.
Os traballos previstos nesta campaña que acaba de iniciarse terán unha duración aproximada de dez meses e consistirán na reescavación, restauración e musealización, así como na realización de actividades de promoción e divulgación do xacemento.