Voluntariado, veciñanza e escolares homenaxearon á «Marea Branca» na Guarda
O Concello da Guarda celebrou o pasado domingo, 19 de novembro, unha homenaxe dedicada a todas as persoas que contribuíron á limpeza das costas galegas tras o o afundimento do petroleiro Prestige, cun acto cargado de simbolismo no que se incidiu na necesidade de previr novos desastres medioambientais e no agradecemento unánime ó labor da chamada «Marea Branca».
O acto tivo lugar no Mirador de Fonte Quente xunto ao monumento «Homenaxe á Marea Branca», coincidindo coa conmemoración do décimo quinto aniversario do astroso acontecemento, que provocou unha vaga de solidariedade cidadá en prol da conservación e coidado da costa galega.
Asistiron o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; o membro de Greenpeace e voluntario da «Marea Branca», Alejandro Vilela; presidente da asociación medioambiental ANABAM, Agustín Ferreira; e o autor do monumento e impulsor do acto, Xabier Garrido; amais de máis de medio centenar de persoas, entre voluntarias, voluntarios, veciñas, veciños e alumnado de 3º curso do CEIP As Solanas. Estes últimos aportaron unha pancarta conmemorativa elaborada por eles mesmos na que se poden ver varios homes e mulleres ataviados con máscaras e luvas brancas, do mesmo xeito que o voluntariado fixóo naqueles días.
O rexedor local comezou o acto rememorando os feitos que transcorreron aquel «inesquecible» novembro de 2002, cando «aos galegos encolléusenos o corazón» ao saber que un vello petroleiro amencía fronte a costa de Muxía despois de levar varias horas á deriva. Á vez que isto sucedía, «algo comezaba a brotar de forma espontánea nas conciencias de milleiros de homes e mulleres que decidiron plantarlle cara a tanta destrución ao berro de ‘Nunca máis!’».
O lembranza deste acontecemento e, sobre todo, o agradecemento a todas aquelas persoas que reaccionaron fronte á catástrofe unindo as súas forzas, asegurou Lomba, foi o motivo principal deste acto, tres lustros despois.
O membro de Greenpeace, pola súa parte, dirixiuse aos voluntarios e voluntarias que naqueles días «afundiron os pes e as mans no petróleo», interpretándoo como «unha das máis grandes mostras de concienciación social contra os combustibles fósiles». Así, Vilela animou á substitución destes por enerxías renovables e á responsabilidade política pois, segundo afirmou, «un novo desastre como aquel pode repetirse» hoxe en día.
Nesta mesma liña, o presidente de ANABAM referiuse ao Prestige como «un episodio máis na historia das agresións ecolóxicas» que, en maior ou menor grado, suceden decotío e non transcenden. Aos cativos e cativas dirixiuse Xabier Garrigo, desexando que «formen parte deste grupo de persoas que coida e se preocupan pola natureza».
O acto concluíu coa actuación dos grupos O Trebón dos Xidos e A Boalleira, e a solta de 15 pombas mensaxeiras polo columbófilo guardés Álex Rodríguez. Algúns dos asistentes aproveitaron a ocasión para engadir novas pedras á base do monumento, en representación de cada unha das persoas que compuxeron á «Marea Branca» e en sinal de lembranza e agradecemento.
Tag:Homenaxe, Marea Branca, Prestige, Voluntariado