A Praza de Abastos da Guarda estrea un ascensor panorámico que conecta os dous andares
O Concello da Guarda acaba de por en funcionamento un ascensor acristalado na Praza de Abastos que conecta os dous andares. Desta maneira haberá unha comunicación accesible entre todos os postos da praza.
A obra foi financiada a través do plan concellos da Deputación cunha achega do 70% e pola Xunta de Galicia que puxo o 30 %.
Esta actuación forma parte do proxecto de reforma da praza de abastos, unha proposta moito máis ambiciosa que, dados os recortes que a Xunta realizou nos últimos anos na subvención á reformas de mercados, non foi posible realizar.
O proxecto orixinal contemplaba, ademais do ascensor, a reforma dos baños actuais, a construción duns novos servizos no andar superior e a instalación de portas automáticas na planta baixa, completando estas obras cun proxecto de escaparatismo.
O Concello seguirá traballando para acometer as reformas pendentes, sobre todo, aquelas orientadas á eliminación de barreiras arquitectónicas e á mellora da accesibilidade.
Tag:A Guarda, Ascensor, Praza de Abastos