AS VISITAS ÓS MUSEOS E ÁS OFICINAS DE TURISMO DA GUARDA MULTIPLÍCANSE EN RELACIÓN A ANOS ANTERIORES
Milleiros de visitantes decidiron, durante os meses de xuño e xullo, coñecer a vila da Guarda. Os puntos de interese deste Concello, onde destacan os museos e as Oficinas de Turismo Municipais, aumentaron dunha maneira moi notoria a presenza de turistas tendo en conta os datos do ano anterior.
Así, por exemplo, na caseta de cobro do Monte Santa Trega, se comparamos os datos do ano 2014 e os do 2015, certificamos que o incremento é de 2.000 persoas. Este aumento de turistas fai que se rompa coa tendencia doutros anos que non superaba os 45.000 visitantes entre os meses de xuño e xullo.
Ademais, como é constante cada ano, o número de persoas que coñecen o Monte grazas as visitas guiadas foi en aumento. Se se comparan os datos dos meses de xuño e xullo de 2014 e 2015, houbo un 18% de xente máis estes meses nestas actividades, o que significa que máis de 5.000 persoas recorreron os castros e atenderon as explicacións do guía e coñeceron a historia deste poboamento.
Pola súa banda, as visitas o Museo Arqueolóxico (MASAT), tamén incrementaron en case un 2%, tendo nestes dous meses máis de 15.700 turistas.
No Museo do Mar é onde o incremento notouse máis xa que o aumento de visitas, tendo en conta os datos do ano pasado, foi dun 50%.
Estes datos reflíctense ademais nas visitas ás diferentes oficinas de Información turística municipais. Os datos informan de que houbo un incremento do 25% nas visitas e que en total, nestes dous meses, repartíronse máis de 2.000 rueiros da Guarda.