A iniciativa «Biblioteca Solidaria» recadou preto de 50 kg de alimentos
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda logrou recadar preto de 50 kg de alimentos na iniciativa «Biblioteca Solidaria», grazas á participación do medio centenar de persoas que se achegou ao espazo de ocio e lectura para escoller un libro descatalogado a cambio de aportar unha unidade de alimentos non perecedoiros.
A concelleira de Cultura, Elena Baz, acudiu onte á Biblioteca para facer entrega das doazóns ás asociacións San Vicente de Paúl e Conrazones. Lentellas, garavanzos, pasta, arroz e fariña, ademais de conservas variadas, xudías, aceite e doces de Nadal, foron os alimentos recadados na iniciativa solidaria, co obxectivo de que estes se dirixan ás familias que máis o precisen da Guarda e a súa contorna.
A campaña, que se levou a cabo co gallo do Día da Biblioteca, celebrouse entre o 24 de outubro e o 18 de decembro, co obxectivo de fomentar a lectura e a solidariedade cos sectores máis desfavorecidos da sociedade.