OFÉRTANSE VISITAS ESPECIAIS PARA COÑECER OS TRABALLOS NA ESCAVACIÓN DO POBOADO DE MERGELINA
Dende o día 1 de setembro e ata o xoves día 17 (data incluída) o Padroado Municipal Santa Trega oferta visitas especiais para coñecer os traballos dos arqueólogos no Poboado de Mergelina.
As visitas especiais das 12,30 e 17 horas comezarán na Casa Forestal e a duración é unha hora. Nestas visitas recórrese a zona restaurada dos Castros e tamén a zona de escavacións do Poboado de Mergelina.
O obxectivo que teñen estes percorridos especiais é mostrar tanto os turistas que visitan a zona coma os veciños e veciñas da localidade ós traballos que os arqueólogos están a levar a cabo neste poboado. Durante as visitas os participantes poderán ver traballar ós expertos, descubrir as técnicas que os arqueólogos utilizan nas súas escavacións e, por exemplo, observar algún dos restos atopados.
Na última quenda do día, poderase coñecer o Monte Santa Trega na visita completa que comeza no Museo Arqueolóxico “MASAT” ás 18,30 horas. A visita remata na zona dos castros restaurados.
Primeiras impresións
O martes, día 1 de setembro, comezaron a facerse estas novas visitas especiais, cunha afluencia de público de 63 persoas, divididas entre as tres quendas.
Segundo o guía do Monte Santa Trega, Leo González, este novo percorrido está a ter unha moi boa acollida. A xente que participa nestas visitas sorpréndese das dimensións do poboado e da maneira e as técnicas que usan os arqueólogos nas escavacións. Ademais, afirma González, moitos dos visitantes impresiónanse cós materiais que se encontran.
Espérase que, coma durante todo o verán, as visitas ó Monte Santa Trega continúen sendo moi concorridas.