Centenares de escolares da Guarda visitarán durante o mes de outubro as escavacións do Poboado da Mergelina
Espéranse 35 grupos de nenos e nenas de todas as idades.
Padroado Municipal do Monte Santa Trega en colaboración co Concello da Guarda, organizan, durante todo o mes de outubro, visitas guiadas ás escavacións do Poboado da Mergelina aos escolares da localidade.
Durante as visitas as escavacións, financiadas pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, os escolares poden observar aos arqueólogos traballando á vez que o guía lles explica, por exemplo, os utensilios empregados na limpeza e restauración das pezas atopadas nos traballos.
Ademais terán a oportunidade de entrar no laboratorio e poder apreciar as diferentes pezas e utensilios atopados nas escavacións. Alí un arqueólogo tamén lles contará algunha curiosidade dos traballos feitos.
Durante este mes 35 grupos de todos os centros escolares da Guarda se achegarán a coñecer a evolución dos traballos dos expertos.
Espérase que nos próximos meses tamén realicen esta actividade escolares chegados doutras localidades de Galicia e do norte de Portugal.