Unha vintena de veciños e veciñas da Guarda participaron na charla informativa sobre “Familias de Acollida”
Unha vintena de veciños e veciñas guardeses participaron onte na charla informativa sobre o programa “Familias de Acollida”. Esta iniciativa, organizada polo Concello da Guarda e Cruz Vermella, tivo coma obxectivo presentar e dar a coñecer este programa para animar a que se participe nel.
A charla contou coa presenza de, Rebeca Bastón, psicóloga e Concepción Fernández, traballadora social e responsables do programa de acollemento de Cruz Vermella ademais de unha nai de acollida.
Concepción Fernández comezou a xuntanza cunha pequena introdución do que é realmente o programa de familias de acollida e a situación dos nenos e nenas que forman parte deste. A traballadora social recoñeceu que o proceso para que unha familia sexa apta é longo, pero que a satisfacción final por poder estar axudando a un neno ou nena supera ao inicio.
Fernández contoulle aos presentes cales serían os requisitos para que unha familia puidera unirse a este plan e o que máis salientou foi a naturalidade e a normalidade como principais características. O que se busca, afirmou, é que o neno ou nena viva nun núcleo familiar. A traballadora da Cruz Vermella tamén contou diferentes experiencias de familias acolledoras.
Tras ela falou a nai acolledora quen contou que xa tivo a cinco bebés na súa casa. “Formar parte deste programa é unha experiencia moi enriquecedora e positiva”, declaroulle aos presentes, e non dubidou en animalos a formar parte das “Familias Acolledoras”.
Tras dúas horas de charla, as traballadoras da Cruz Vermella pedíronlle aos presentes que trasladasen a información para que este programa fose coñecido entre o maior número de persoas.
Todas aquelas persoas que queiran ter máis información poden dirixirse a Cruz Vermella, a Oficina de Información Xuvenil ou o Departamento de Educación Familiar do Concello da Guarda ou a páxina www.acollementofamiliar.org.