Inícianse as obras da Porta do Trega na Guarda
O mércores día 22 de agosto iniciáronse as obras do proxecto construtivo da primeira fase da Porta do Trega na zona de Chans do Monte Santa Trega da Guarda, un Ben de Interese Cultural e declarado ademais Monumento Histórico Artístico Nacional no 1931.
A maquinaria e operarios comezaron a traballar xa este mércores na primeira fase do proxecto, balizando e sinalizando a zona de obras, así como preparando os terreos para a fase construtiva.
Neste proxecto de ordenación e xestión de accesos, habilitarase un espazo que actuará coma centro de recepción aos milleiros de visitantes que cada ano acuden ao Monte Santa Trega, dignificando o acceso a este espazo, terá ademais o módulo de control e outro módulo para servizo dos traballadores.
Este proxecto repercutirá na posta en valor da Citania de Santa Trega e o seu entorno, un ben patrimonial de gran interese turístico, o que permitirá e dará pé a un novo sistema de xestión do Monte Santa Trega, coa posibilidade de habilitar unha zona de estacionamento de vehículos e introducir un transporte lanzadeira colectivo para a subida ao Trega dos visitantes, ademais de enlazar cos sendeiros existentes para o acceso a pé.
A execución deste proxecto realizarase en varias fases, sendo esta primeira na cal se preparará e acondicionará o terreo, cunha pavimentación especial para a redución da velocidade dos vehículos así coma a creación dos tres módulos contemplados (control e peaxe, recepción de visitantes e servizos para os traballadores).
Nunha segunda fase habería que adecuar os viais existentes aos novos trazados contemplados no proxecto e construír a lámina unificadora do conxunto.
En total, o espazo de edificacións comprenden unha superficie de máis de 600 m2 , baixo as directrices do proxecto redactado polo Arquitecto Mauro Lomba Martínez.