Pechado, con moito éxito, o ciclo de Barferencias de Inverno
Esta edición estivo marcada, sen dúbida, pola variedade temática das ponencias nas que se falou de contrabando, arqueoloxía, educación, etnografía e memoria histórica na voz dunha centenaria guardesa.
O pasado venres, 26 de febreiro, celebrouse a última das Barferencias de Inverno programadas dende o Concello da Guarda coa colaboración de ANABAM.
Esta cita levou por título “15 pesetas por frete” e estivo presentada por Fani Alonso, directora dun documental do mesmo nome que fala sobre o contrabando na fronteira e que estivo filmado durante o pasado inverno na zona de Camposancos.
A directora da cinta, xunto cos veciños José Antonio Uris e Praxíteles Gonnzález, foron os encargados de presentar este tema fronte a un moi numeroso público.
A cinta, que aínda está en proceso de montaxe, será presentada proximamente na Guarda.
Iniciativa con éxito
As Barferencias de inverno concluíron, unha vez máis, cun notable éxito, tanto pola cantidade de público asistente coma, sobre todo, pola fidelidade deste público que se achega a cada cita desexoso de coñecer novos temas.
Esta edición estivo marcada, sen dúbida, pola variedade temática das ponencias nas que se falou de contrabando, arqueoloxía, educación, etnografía e memoria histórica na voz dunha centenaria guardesa.
O Concello da Guarda quere agradecer a presencia dos veciños e veciñas da vila nesta iniciativa e espera presentar un novo ciclo de conferencias atractivo para a cidadanía.