A ruta de BTT entre Oia, A Guarda e O Rosal estará sinalizada
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, firmou coa alcaldesa de Oia, Rosa María Otero Carballa, e cos alcaldes da Guarda, Antonio Lomba Baz, e do Rosal, Jesús M. Fernández Portela, un convenio de colaboración para a sinalización dunha ruta de BTT polo sudoeste da provincia de Pontevedra.
A presidenta da Deputación quixo destacar sobre o acordo que “os novos tempos políticos marcan este modelo baseado na coordinación e cordialidade entre concellos“. Ademais, subliñou que o proxecto de sinalización do percorrido pola serra da Groba permitirá percorrer a ruta “non soamente durante a celebración da BTT senón de forma permanente durante todo o ano“.
Igualmente, Silva destacou a importancia deste convenio polo seu dobre obxectivo, xa que “por unha banda impulsa a práctica do deporte durante todo o ano pero tamén pon en valor a extraordinaria riqueza paisaxística e patrimonial da zona“.
Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, agradeceu á Deputación o seu apoio na firma deste convenio, “xa que conseguimos así dar un carácter de permanencia a esta ruta de BTT, permitindo que calquera que queira tanto realizar a proba como percorrer a ruta poida seguila durante todo o ano con total seguridade“.
A alcaldesa de Oia, Rosa María Otero Carballo, quixo dar as grazas á Deputación por “potenciar este nexo de unión entre os tres concellos que esperamos que se extenda ademais a outras actuacións“. Con respecto á sinalización da ruta a alcaldesa manifestou que “permitirá que sexa permanente no tempo e que, en calquera época do ano, póidase percorrer en bicicleta ou ben camiñando“.
Xa para finalizar, o alcalde do Rosal, Jesús M. Fernández Portela, destacou que a sinalización da ruta conseguirá “poñer en valor durante todo o ano unha zona repleta de atractivos turísticos á vez que se practica deporte“.
Desde o ano 2009 os concellos de Oia, A Guarda e O Rosal, coa axuda dos clubs ciclistas de cada unha das localidades, organizan, entre outubro e novembro, unha marcha en BTT de aproximadamente 35 km recorrendo os montes do sur da serra da Groba.
O interese que espertou a ruta fixo que afeccionados ao ciclismo, pero tamén ao sendeirismo, comezasen a percorrela durante todo o ano. Neste contexto, e co obxectivo de fomentar a permanencia da ruta, os tres concellos polos que discorre contarán, grazas á Deputación de Pontevedra, con tres paneis informativos que darán a coñecer os valores patrimoniais e naturais da zona, 50 sinais indicadores cos seus respectivos postes de soporte e 50 postes para balizas.