O concello da Guarda reclama a construción da nova Escola Infantil Municipal
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, xunto coa concelleira de asuntos sociais, Tere Vicente asistiron o xoves día 2 de maio á Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
Entre outras cuestións, tratouse aprobación dos orzamentos do Consorcio para 2019. Neste punto, despois da intervención da mesa, abriuse a quenda de palabra na que o alcalde da Guarda aproveitou para recordarlle a Asemblea, a situación da Guarda respecto das escolas infantís.
Por unha banda o concello ten solicitado, dende 2016, a inclusión da Escola Infantil Municipal na rede de E. I. Galiña Azul e por outra parte lembrou que están a espera da do convenio por parte da Consellería para a construción dunha nova escola.
Na actualidade a Guarda conta cos terreos, co proxecto e os permisos para construír unha E. I. nas vellas vivenda dos mestres do antigo Sinde. A tardanza da Consellería de Política Social en axilizar esta obra deixa quedar en evidencia a Xunta de Galicia que está incumprindo na Guarda o seu compromiso de acadar o ratio de prazas de infantil que recomenda a Unión Europea do 33%. No caso da Guarda o ratio é do 20%, o que obriga a moitas familias guardesas a buscar prazas nos concellos da contorna.
Por outra banda o Xerente do Consorcio desculpou a lentitude na incorporación da E.I. da Guarda, xunto con outras de Galicia, porque levan anos regularizando as contas das que xa pertencen á rede.
Isto representa a xuízo do alcalde, unha falta de axilidade, da administración imperdoable e un prexuízo para algunhas vilas Galegas.
Antonio Lomba tivo ocasión de trasladar as mesmas demandas á Conselleira cando rematou a Asemblea, despois de saudala e recordarlle que leva pedindo unha cita para falar dos temas de Servizos sociais da Guarda dende que tomou posesión en setembro de 2017.