Da comezo o curso de graffiti para a mocidade guardesa dentro do programa “Depo RúARTE”
Este martes, 26 de xullo, deu comezo o curso de graffiti para a mocidade que se celebra na Guarda ata o vindeiro día 8 de agosto. Os participantes terán tres días de formación máis teórica na que ensaiarán os posibles bosquexos e despois, na segunda parte do curso, adicaranse a adornar o muro da praia de Fedorento, que xa se atopa preparado.

Á presentación deste curso acudiron as concelleiras de Turismo e Cultura do Concello da Guarda, Montse Magallanes e Elena Baz, e tamén a deputada provincial de Xuventude, Digna Rosa Rivas, pois o curso forma parte do programa “Depo Rúarte” impulsado pola Deputación de Pontevedra.
A inauguración do mesmo tivo lugar na Escola Obradoiro da Guarda, onde se impartirán estes tres primeiros días de formación e logo os participantes estarán realizando os seus graffitis xunto á praia, nun curso que está dirixido a rapaces e rapazas de 14 a 30 anos empadroados no Concello da Guarda.
Durante esta primeira xornada a deputada provincial quixo saber de primeira man que lles parecía o curso aos asistentes e tamén destacar a importancia de que estas iniciativas sexan un punto de partida para que logo dende os concellos, como afirmou está a facer o da Guarda, se leven a cabo máis actividades culturais complementarias que logren atraer á mocidade.
Comeza así un curso que se impartirá das 10,30 ás 13 horas, ata a clausura o 8 de agosto e que busca darlle á xuventude guardesa unha oportunidade única de achegarse ó mundo do graffiti e embelecer un recuncho da súa vila ó tempo que practican unha actividade cultural ao aire libre, desfrutando da fermosa contorna da vila en pleno período estival.