Reúnese na Guarda a Comisión Municipal de seguimento do COVID-19
Hoxe 23 de marzo de 2020 reuniuse no Salón de Plenos do concello da Guarda a Comisión Municipal de seguimento do COVID-19, para facer unha valoración da situación dos primeiros días da crise.
Á xuntanza asistiron todos os membros da comisión, sete deles de forma presencial e catro por videoconferencia.
O Alcalde deu conta aos asistentes das accións e xestións realizadas ata o momento. Enumerou os contactos que se mantiveron, tanto coas administracións, como coas asociacións e responsables locais, falou de como se fixo a desinfección do material de protección e dos medios que o concello ten en stock. Así mesmo enumerou os edificios e vehículos que se desinfectaron o pasado sábado e dos espazos públicos que se desinfectarán durante a semana, desinfeccións que se manterán mentres dure o estado de alarma.
Informouse tamén doutras medidas como a remaquetación da páxina web, a campaña informativa levada a cabo nos medios de comunicación e nas redes sociais en relación aos servizos no Centro de Saúde, ós Servizos Municipais e outras cuestións de interese para a cidadanía.
O Alcalde rematou a súa intervención anunciando que nos próximos días se informará sobre o primeiro paquete de medidas económicas do concello, medidas para flexibilizar as débedas coa administración e os prazos de cobro, así como a axilización do pago de facturas a proveedores.
Pola súa banda, os demais membros da comisión aportaron ideas para mellorar a eficiencia das medidas tomadas, e inclusive se propuxeron novas accións para que o concello mellore o servizo que presta a cidadáns e empresas mentres dure esta situación de confinamento pola declaración do Estado de Alarma.
Os temas nos que máis se incidiu foi a mellora do servizo de auxilio aos grupos de risco e ás novas recomendacións en relación á prevención de contaxios.
Como remate da reunión os presentes concluíron que o concello debe prestar toda a axuda posible ás empresas, asociacións, e veciños e veciñas que así o precisen, porque só xuntos seremos capaces de minimizar o impacto desta crise.
Despois da reunión, o Alcalde púxose en contacto co Servizo de Alerta Epidemiolóxica do SERGAS, onde lle foi confirmado o primeiro positivo por coronavirus covid-19 na Guarda.
Isto parámolo se quedas na casa, gracias pola túa colaboración
Tag:A Guarda, coronavirus, covid-19