Máis troula, deporte e cultura amenizarán a primeira fin de semana de Agosto na Guarda
Esta fin de semana será a primeira do mes de agosto, un mes moi importante para á Guarda, pois nel se celebra a festa por excelencia da vila: as Festas do Monte. Para dar a benvida a este mes como se merece, este sábado e domingo A Guarda ofrecerá todo tipo de actividades de lecer, deportivas e culturais para desfrutar do tempo libre.
Esta fin de semana será a primeira do mes de agosto, un mes moi importante para á Guarda, pois nel se celebra a festa por excelencia da vila: as Festas do Monte. Para dar a benvida a este mes como se merece, este sábado e domingo A Guarda ofrecerá todo tipo de actividades de lecer, deportivas e culturais para desfrutar do tempo libre.
Unha das actividades máis destacadas é a que acollerá o sábado día 6 a Atalaia do Porto da Guarda: a II edición do Galifornia Beat. Este evento multideportivo e multicultural está a acadar unha gran sona no seu curto tempo de vida, tras o gran recibimento da súa primeira edición. Dende as 10 horas da mañá e ata a medianoite cítanse tres vertentes do skate, diferentes demostracións de deportes minoritarios como a escalada ou o hockey e o gran atractivo da xornada: o flyboard, unha actividade que permite ós que a practican “voar” sobre o mar grazas a un dispositivo que bota chorros de auga a propulsión. Poderá practicarse durante todo o día, con reserva de prazas, pois son limitadas. Outro dos atractivos desta edición é o Workshop de breakdance impartido por Bboy Kawa, responsable da batalla de breakdance do Marisquiño. Este Workshop darase entre as 17 e 19 horas e os que o desexen poden inscribirse no Facebook de Galifornia.
A outra gran cita da fin de semana na Guarda é coas Festas de San Cayetano, que terán lugar no Barrio da Cruzada. Nesta celebración a Comisión de Festas de San Cayetano ofrecerá un diverso entretemento durante os días 5, 6 e 7 de agosto. O venres 5 comeza a celebración collendo forzas para os tres días de troula cunha sardiñada a partir das 21 horas. O sábado destaca a verbena que haberá a partir das 22,30 horas coas orquestras CONDOR e CALIFORNIA. E o domingo día 7 ás 11,30 da mañá ten lugar a Misa e xa pola tardiña, ás 19 horas, as tradicionais puxas.
Ademais durante toda a fin de semana poden visitar dúas destacadas exposicións fotográficas. Na Casa dos Alonsos continúa aberta ao público a mostra “Camiños da Imaxe” na que se pode ver a obra fotográfica e os filmes familiares do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”. Estará dispoñible para o público ata o 15 de agosto. Para visitala o horario de apertura de martes a sábados é de 12 a 14 horas pola mañá e de 19 a 22 horas pola tarde. Os domingos e festivos será de mañá, entre as 12 e as 14 horas.
A segunda das exposicións que se poden visitar é “Un mar de emocións”, no Centro Cultural da Guarda, ata o 20 de agosto. Esta mostra reúne unha mirada ao mar de 19 autores e o horario é de luns a sábadode 10:30h a 14:00h e de 19:00h a 22:00h, e os domingos de 19:00h a 22:00h.
Así o deporte, a cultura e o lecer volven a ter a súa cabida unha fin de semana máis na Guarda, onde os visitantes, veciños e veciñas tamén poderán desfrutar do bo tempo descansando nas súas numerosas praias e admirando as fermosas paisaxes da Guarda.