O parque deportivo do Codesal consolidase como espazo de ocio
• O Concello ampliou a zona deportiva con novas pistas para a práctica da petanca, dúas canchas para volei, un campo de fútbol-praia, un campo de balonmán-praia e a mellora da iluminación e dos vestiarios e aseos.
O Concello da Guarda avanza na mellora do Parque Deportivo do Codesal en Camposancos, onde se teñen realizado diferentes tarefas para adecuar o terreo para a práctica de diferentes modalidades deportivas coma o volei, o fútbol, o balonmán ou a petanca.
Na xornada do pasado mércores día 3 de marzo o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español, achegáronse ata o Codesal para comprobar “in situ” os diferentes traballos que se teñen acometido nestas instalacións deportivas, que ven incrementadas as súas funcionalidades cunha significativa mellora nos espazos para a práctica deportiva.
Deste xeito se teñen incrementado as pistas existentes para a práctica da Petanca, instalacións que emprega o Clube de Petanca O Caldeiro, o clube con maior número de deportistas federados nesta modalidade en Galicia, con máis de 40 membros é o primeiro clube para a práctica deste deporte na Comarca do Baixo Miño.
Tamén se habilitaron dúas canchas para a práctica do volei, nunhas instalacións que son empregadas polo Clube de Volei Miño, entidade deportiva que organiza diferentes torneos na tempada estival.
O Concello non só acometeu neste espazo a mellora destas pistas ou canchas senón que tamén se creou unha zona de vestiarios e aseos, se dotou ao espazo do Parque Deportivo de iluminación interior e exterior e dunha fonte de auga potable, o Parque conta tamén con bancos e mesas para que as familias podan desfrutar dunha xornada de ocio ao aire libre.
A todas estas actuacións de mellora hai que sumarlle que queda aínda por realizar un parque infantil e a instalación duns elementos de calistenía que se están xestionando e serán acometidos con recursos propios.
O concello da Guarda considera que este é un dos espazos con maiores posibilidades de consolidarse como punto de encontro interxeracional, xa que as instalacións permiten a práctica deportiva de diferentes colectivos que abarcan idades moi diferentes. O Parque Deportivo do Codesal ofrece á cidadanía desfrutar de diferentes actividades nun entorno paisaxístico natural (deporte, paseo, lectura, fotografía…) actividades todas elas seguras e moi necesarias neste momento de pandemia, seguindo así a liña estratéxica marcada polo equipo de goberno de mellora das instalacións deportivas e das instalacións que posibiliten aos veciños e veciñas da localidade espazos seguros ( parques, sendas, zonas deportivas..) tal e como establecen as autoridades sanitarias.
A mellora deste espazo foi realizada conxuntamente con fondos propios do Concello da Guarda e tamén cunha importante subvención con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.