Os obradoiros de fotografía social remataron cunha última sesión no Centro Cultural da Guarda
O Centro Cultural da Guarda foi o escenario do último dos obradoiros de fotografía social impartidos por Felipe Carnotto tras percorrer dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O Centro Cultural da Guarda foi o escenario do último dos obradoiros de fotografía social impartidos por Felipe Carnotto tras percorrer dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha rede integrada por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentra os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.
Nesta sesión, que tivo lugar o xoves 24 de novembro ás 12 horas e que foi presentada pola concelleira de Xuventude da Guarda, Elena Baz; corenta estudantes de 3º e 4º da ESO dos colexios San José e Pais Somascos, foron introducidos en temas como a utilización da imaxe como ferramenta de transformación social, a historia da fotografía documental, a definición do fotoxornalismo ou o respecto polas persoas fotografadas. Tamén durante este obradoiro o alumnado practicou tomando imaxes cos seus móbiles e puideron ver o traballo realizado polo fotoxornalista Carnotto na ruta das persoas refuxiadas e en Nicaragua.
Cos alumnos da Guarda, xa son arredor de 300 os que participaron nunha actividade que estivo catro meses en diferentes concellos como Redondela, Teo, Lugo ou Fene. Ademais, non queda aquí a colaboración do concello da Guarda co Fondo Galego. A partir do luns día 5 e ata o 20 de decembro, a Casa do Concello da vila acollerá a mostra “Imaxes con Fondo”, unha exposición deseñada polo debuxante Pepe Carreiro que consta de 19 obras que concorreron no concurso do mesmo nome e que buscan concienciar sobre as condutas respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan.
Mentres, xa se está a desenvolver a segunda edición do concurso, Imaxes con Fondo II, e no Facebook do Fondo Galego está aberta a votación para elixir entre as imaxes participantes, que nesta segunda edición versan sobre o tema da interculturalidade.