Aconséllase o consumo responsable de auga ante a escaseza de chuvias
Por mor da falta de chuvias dos últimos meses, a Confederación Hidrográfica do Miño – Sil ven de comunicar ao concello da Guarda a recomendación da adopción dun conxunto de medidas.
Por mor da falta de chuvias dos últimos meses, a Confederación Hidrográfica do Miño – Sil ven de comunicar ao concello da Guarda a recomendación da adopción dun conxunto de medidas, antes de levar a cabo as establecidas no Plan Especial de Actuación en Situacións de Alerta Eventual de Sequía.
Aínda que a situación das reservas non pon en risco o abastecemento dos principais sistemas, os baixos caudais dos ríos para esta época do ano fai que a Confederación aconselle aos concellos, como o da Guarda, que leven a cabo actuacións como o aforro de suministro en usos e destinos non prioritarios (rego de xardíns e baldeo de rúas), a redución da presión nocturna en redes urbanas ou o reforzo dos controis da auga captada para o abastecemento, que pode ver reducida a súa calidade debido aos baixos caudais existentes.
Dende a concellería de Servizos e Medio Ambiente da Guarda recoméndase, por tanto, un consumo de auga responsable e espérase que estas medidas nos concellos, xunto ás que levará a cabo a Oficina Técnica de Sequía, constituída pola Confederación recentemente tal e como se recollía no Plan antes citado, logren unha maior seguridade do sistema de abastecemento e axuden a manter as condicións mínimas do ecosistema fluvial mentres non chegan as precipitacións.