Aberta ao público ata o 18 de febreiro a exposición “Camiños da Imaxe” no Centro Cultural da Guarda
A semana pasada numerosos veciños e veciñas da Guarda desafiaban ao temporal que estaba a sufrir a localidade para render homenaxe ao fotógrafo Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, con motivo da publicación do libro “Camiños da Imaxe” que fala da súa vida e obra.
A semana pasada numerosos veciños e veciñas da Guarda desafiaban ao temporal que estaba a sufrir a localidade para render homenaxe ao fotógrafo Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, con motivo da publicación do libro “Camiños da Imaxe” que fala da súa vida e obra.
A obra deste fotógrafo guardés, pioneiro da fotografía e filmografía na Guarda, xa estivera exposta o pasado verán na Casa dos Alonsos, nunha mostra do mesmo nome que a publicación presentada. E dende o pasado sábado 3 e ata o día 18 de febreiro, a exposición “Camiños da Imaxe” volve a estar aberta ao público, desta vez no Centro Cultural da Guarda.
Aqueles que xa visitaron a exposición poderán volver a desfrutar dela e, os que non puideron acudir na anterior ocasión, teñen unha nova oportunidade de coñecer a obra dun guardés ilustre.
Costiña é un dos fotógrafos máis lembrados e destacados da vila, que viviu entre 1894 e 1957. Na mostra “Camiños da Imaxe” os visitantes poden atopar imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, fotografías persoais do artista que ilustran a súa biografía e tamén os seus filmes familiares. Estes filmes foron realizados entre 1926 e 1929 e supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.
Nestes filmes, que fan de Costiña o pioneiro do cinema na Guarda, hai escenas familiares na súa casa, escenas das festas da Guarda, dos mariñeiros e da costa ou doutros recunchos da localidade que fan destas imaxes uns documentos patrimoniais de gran valor.
Todos o que o desexen poden desfrutar deste valioso material na mostra que permanecerá no Centro Cultural ata o vindeiro sábado 18 de febreiro, de luns a sábado. O horario é de 10 a 13 e de 17 a 20 horas; excepto os sábados, que só é en horario de mañá de 10 a 13 horas.