8 mozos do Baixo Miño viaxan a Ezcaray, A Rioxa, a formarse como axentes AntiBulos
Do 11 ao 16 de abril 8 mozos galegos e 8 rioxanos participaron nun encontro no que aprenderon como identificar e desenmascarar bulos.
Este encontro celébrase dentro do marco do proxecto europeo Axentes AntiBulos, unha iniciativa coordinada pola asociación guardesa FOCO e en colaboración coa asociación xuvenil e teatral ON& OFF (A Rioxa) e o Concello da Guarda.
Neste encontro, os participantes aprenderon cales son as principais características comúns a todos os bulos (unha linguaxe emocional e alarmista, o uso de falsos expertos ou as teorías da conspiración) así como estratexias para facerlles fronte antes mesmo de que se viralicen.
Tamén aprenderon ferramentas e técnicas teatrais baseadas na improvisación, o desenvolvemento de personaxes ou o teatro de proceso para poder crear de maneira colaborativa e autónoma pezas escénicas.
Tras este encontro, o grupo participantes guardés participará de maneira semanal en talleres nos que crearán unha performance ao redor dun bulo que se mostrará en setembro nas rúas da Guarda.
Tag:A Guarda, axentes antibulos, Teatro