Piueiro rescata a Feliciano Rolán ao impulsar a versión en galego do seu poemario “De mar a mar”
- Presentación o sábado día 1 de abril ás 12:00h nos Xardíns de Feliciano Rolán(Centro de Saúde).
Cando van a cumprirse seis anos dende a súa fundación na Guarda, a Asociación Cultural Piueiro organiza xunto co Concello da Guarda o vindeiro sábado día 1 de abril a presentación da publicación en galego do poemario “De mar a mar “, libro do escritor Feliciano Rolán (Vigo, 1907 – A Guarda 1935) editado orixinariamente en Madrid no ano 1934.
No acto deste sábado, que terá lugar ás 12:00h nos xardíns Feliciano Rolán da Guarda(Centro de Saúde), contarase coa presenza do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; da Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes; do poeta e profesor Anxo Angueira; Gregorio Ferreiro Fente; o secretario de Piueiro, Celso R. Fariñas; o Presidente de Piueiro, Joaquín Cadilla, e outros convidados.
Anxo Angueira foi o encargado de facer a tradución ao galego duns poemas que, no seu día, mereceron o eloxio de autores como Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro ou Luis Seoane. A editorial Alvarellos, pola súa parte, deu un espazo preferente na súa colección “Rescate”, onde Rolán coincide con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.
O poemario “De mar a mar. Poemas 1932-1933”, que quedou relativamente relegado trala prematura morte do seu autor aos 27 anos, foi unha referencia para os membros da asociación guardesa, que sempre traballaron para difundir a obra, breve pero intensa, de Feliciano Rolán. E, concretamente, este libro de temática marítima, que casa tan ben co lugar onde viviu e, tristemente, faleceu o poeta.
A edición está especialmente coidada, xa que aos poemas nos dous idiomas une máis material de interese para o futuro lector. Así, Gregorio Ferreiro Fente aporta un ensaio que clarifica a obra de Rolán, aportándose imaxes, manuscritos e debuxos inéditos. Ademais, Celso Fariñas desgrana a biografía literaria do autor, que remata de entenderse na súa totalidade cos testemuños de Ricardo Carballo Calero e Carlos Martínez-Barbeito, quen coñeceron a poeta que é arestora homenaxeado.
*En caso de choiva o acto terá lugar na Casa dos Alonso.