Fin de semana cargado de propostas culturais para pechar o mes de setembro na Guarda
O outono se estrea na Guarda cargado dunha ampla programación para este fin de semana, na que se concentran diversas propostas no venres, sábado e domingo.
O venres 29 de setembro ás 21h. será o momento do Teatro, esa disciplina que tanto gusta á xente da nosa vila e que nos trae nesta ocasión a sátira de Vicente Risco “O Porco de Pé”. Unha comedia protagonizada por Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo, que ven de xirar por toda Galicia colleitando éxitos (con tres premios María Casares) e sobre todo o favor e as risas do público. O acceso será de balde ata esgotar o aforo da sala. Non é precisa a reserva previa.
Ao día seguinte, o sábado será o momento do concerto do programa Musigal 2023 da Deputación de Pontevedra, que cada ano aposta pola difusión da música en galego. Nesta ocasión chega ata A Guarda o grupo Laroá, que composto por nove músicos de disciplinas e orixes do mais variado propoñen un repertorio que pasa polo jazz e o swing fusionado cos ritmos tradicionais galegos, mediterráneos, centroeurpoeos…Unha proposta melódica de gran calidade artística para a noitiña do 30 de setembro, ás 21h. Na Praza do Reló
E por último, para pechar o fin de semana o artista José Luis Correa, inaugura o domingo 1 de outubro ás 18:00h. a súa exposición Ikarus na Casa dos Alonso. O artista, que xa tivo unha mostra no mesmo lugar no mes de marzo, achéganos agora un monográfico das súas creacións escultóricas, nas que se poderán observar diferentes técnicas artísticas, materiais e incluso momentos da súa creación.
Tag:A Guarda, cultura, programación