A mostra “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT” apraza a súa inauguración ao 27 de xullo
A exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, que conmemora o centenario do Museo Arqueolóxico de Santa Trega, apraza a súa inauguración unha semana, de xeito que a mostra permanecerá aberta dende o vindeiro 27 de xullo ata o 27 de agosto na Casa dos Alonso.
Dita mostra amosará a evolución do museo dende os seus inicios no ano 1917 ata os nosos días, sempre vinculada ao xacemento do Trega, e permitirá realizar unha viaxe ao pasado a través do patrimonio deixado polos nosos antergos, poñendo en valor a labor realizada polos compoñentes da Sociedade Pro-Monte, fundadora do museo, a quen se rende homenaxe polo tempo dedicado ao coidado e difusión dun dos xacementos máis emblemáticos de Galicia.
A mostra estará composta por diversas pezas arqueolóxicas procedentes das campañas acometidas durante décadas no Trega, incluídas pezas descubertas nas últimas intervencións, como o tan soado “Cabezón do Trega” que se atopa actualmente na exposición permanente do MASAT. Daranse a coñecer, igualmente, outras pezas gardadas nos fondos do museo e, amais das propias, contará con pezas procedentes doutros xacementos da mesma época. Preténdese así salientar a importancia do patrimonio da vila e a relación cronolóxica e cultural con outros castros da provincia.
Tag:Exposición, MASAT, Monte Santa Trega