ÉXITO DE ASISTENCIA NO PREGÓN E NA APERTURA DA CARPA DA XXV EDICIÓN DA FESTA DA LANGOSTA E COCIÑA MARIÑEIRA
O pregoeiro, Yayo Daporta, fixo unha demostración culinaria.
O venres día 3 deu comezo a XXV edición da Festa da Langosta e Cociña Mariñeira no Concello da Guarda ca lectura do pregón na Praza do Reló e a apertura da carpa gastronómica no Porto da localidade.
Pasadas as 20 horas comezaron a sonar os primeiros acordes da Agrupación Musical da Guarda nunha praza atestada de xente. Os veciños e veciñas da Guarda, e moitos dos visitantes que estes días pasean polas nosas rúas, quixeron estar presentes no inicio desta gran desta, polo que non dubidaron en encher a Praza para, nun primeiro momento escoitar o concerto que a Agrupación tiña preparado, e despois para escoitar o pregón.
O primeiro en subirse o balcón do Concello foi o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen, moi emocionado falou dos seus recordos de neno nunha familia de mariñeiros. A primeira sorpresa nesta XXV edición da Festa foi a pequena homenaxe que o Concello quixo facerlle a Elicio Magallanes, impulsor da primeira edición. Elicio, acompañado do alcalde, subiu o balcón e non dubidou en ofrecer unhas palabras ós seus veciños e amigos.
Tras él foi a quenda do máis esperado, do pregoeiro desta edición, Yayo Daporta. Este chef, un dos máis xoves en conseguir unha estrella Michelín, recitou un emotivo pregón destacando a calidade dos produtos galegos e o saber facer da xente que vive en Galicia.
Despois das palabras, pasouse ós feitos. Tanto a corporación municipal, como o pregoeiro cambadés, e por suposto, as decenas de veciños e veciñas que estiveron presentes no primeiro acto, dirixíronse á carpa instalada no porto para dar por inaugurada a festa.
Yayo Daporta, acompañado polo alcalde e demais Concelleiros, foron parando nos diferentes postos gastronómicos para coñecer de primeira man os diferentes produtos que se ofertaban. O chef non dubidou en posar con langostas na man, con decenas de fans que o acompañaban no seu paseo ou incluso probar o doce máis característico da Guarda, o roscón de xema.
Cando Yayo Daporta xa vira os produtos e probara moitos deles, o chef cambadés subiuse ó escenario para facer unha demostración culinaria ante o público. Con dos langosta que chegaron vivas a súa mesa, e unhas salsas baseadas entre outra cousas en cilantro e aceite de oliva, este cociñeiro demostrou as súas dotes creando un tartar e un carpaccio de langosta. Daporta foi mostrando e explicando cada paso ós presentes.
Dous nenos do público foron os afortunados e puideron probar estes pratos creados por un chef “Michelin”.
Tras a exhibición, e despois da cena, os asistentes á festa gozaron da música da orquestra “América” ata altas horas da madrugada.
Hoxe a programación continúa, con, por exemplo a XX Travesía a Nado Porto da Guarda, con obradoiros e inchables para nenos, e coa música dos grupos “The Winning Numbers” e “Lou Reyes”.
Mañá, a carpa abrirá de novo as 11 horas coa música de Daniel Vilanova. Pola tarde haberá unha saída en kayak e unha actuación de fado.